mércores, 10 de outubro de 2012

SEÑOR PRESIDENTE

Circula pola rede a canción "Señor presidente", unha das últimas composicións do gran Luís Aguilé, incluída como novidade nun álbun recompilatorio do cantautor hispano-arxentino.
A letra desta canción contén todo un programa para a difícil arte de gobernar. "Eu son un cidadán común e corrente, só teño un voto que vostede me pediu e outorgueillo esperando que chegue ese día en que vexa cumprido ao pé da letra o que prometeu... E agora pídolle que o meu humilde voto non caia no esquecemento...".
Ademais do cumprimento das promesas, o cidadán Aguilé esixe ao señor presidente que acabe coa inseguridade nas rúas e coa corrupción dos políticos: "Imos esperar de vostede que ao cárcere irán os que deben pagar todas as súas corrupcións...". Neste sentido é moi expresivo o refrán: "Que se impoña a lei, non queremos perder a nosa forma de ser, somos xente de paz. Que non teña ocasión de gañar o ladrón".
Din os exégetas de Luís Aguilé que "Señor presidente" foi escrita -e ten validez- pensando nos gobernantes e nos políticos de todo o mundo. É unha canción con sentimento, que foi interpretada polo seu autor con paixón e contén verdades tan profundas que mandatarios dalgúns países prohibírona e o establishment doutros non ve con bos ollos que soe nos medios audiovisuais. Por algo moitos internautas sinalan que ata podería converterse no himno oficioso dos indignados. De feito, identifícanse con ela cidadáns indignados de moitos países.
Outra canción moi socorrida polos internautas é "Fala pobo fala... fala sen temor, non deixes que ninguén apague a túa voz, fala e non permitas que rouben a túa palabra", unha melodía que se escoitou con emoción na festa democrática das primeiras eleccións do 15 de xuño de 1977 e aínda hoxe emociona a todos os que, logo dunha longa ditadura, recuperamos a liberdade liberándonos dun réxime que para millóns de españois era o único que coñeceran.
"Señor presidente" e "Fala pobo fala" deberían soar como himnos oficiosos de todos os partidos nesta campaña electoral para recordar aos candidatos que deben ser comedidos nos seus discursos e para recordar a todos aqueles tentados polo "voto silencioso" da abstención que "se queres afirmar a túa vontade decidindo o teu destino coa forza da túa voz, se tes alento para falar... fala, pobo, fala, ¿quen pode obrigarche a calar?".  J.C.L.

Ningún comentario: