martes, 9 de outubro de 2012

OS MAIORES SEN EMPREGO

O 67% dos parados maiores de 55 anos da nosa terra leva máis dun ano sen emprego. E no que respecta a toda España, nos últimos cinco anos a cifra se disparou de 131.700 a case medio millón. Dous de cada tres que entran no mercado laboral pasan ao desemprego. O aumento do desemprego e a precarización do traballo son dous dos motivos que están facendo da pobreza un fenómeno máis extenso. O número de fogares con todos os seus membros sen emprego multiplicouse por catro ata rozar os dous millóns.
En relación aos maiores de 55 anos, trátase dun colectivo que se incorporou á busca activa de emprego de forma intensa. A necesidade de conseguir ingresos extra para compensar a perda de emprego dos demais membros do fogar conduciu a esta xeración a saír en busca de traballo. Pero esta busca non adoita ter éxito. A circunstancia é preocupante pois son persoas cuxa xubilación esta próxima e necesitan seguir cotizando para obter unha pensión axeitada.
Respecto ao perfil, case seis de cada dez son homes, e dúas terceiras partes levan máis dun ano buscando traballo. Hai un feito que revela que ben podería servir para calquera franxa de idade: a maior formación, menor taxa de paro. Así, o paro entre os maiores de 55 anos en posesión dun doutorado é só do 2%. Para aqueles con estudos universitarios, ascende o 8,3%, mentres que esta cifra se eleva ata o 14,1 e o 18,3% para os que contan con estudos de Educación Secundaria de segundo e primeiro ciclo, respectivamente, subindo ata o 23,4% para os que só teñen estudos primarios. O dato dispárase ao 58,6% entre os maiores de 55 anos que non teñen formación.
Como afecta o paro ás persoas de máis idade? Saben que non lles aceptan o seu curriculum pola súa idade e se senten rexeitados. Ese rexeitamento dánaos máis que a un mozo. Ademais, buscan empregos específicos, o que coñecían, mentres que un mozo está disposto a reinventarse. A frustración vólveos moi susceptibles e iso dana a relación na casa.

Ningún comentario: