venres, 16 de novembro de 2012

PARALIZACIÓN DOS DESAFIUZAMENTOS

Bancos e caixas anuncian que paralizarán os desafiuzamentos "en casos de extrema necesidade", e é inevitable preguntarse cando un caso é extremo para eles, que levan tempo permitindo a execución das traxedias, ata alcanzar unha media de 512 desafiuzamentos diarios.
¿Pensa a patronal bancaria en todo o que hai detrás desas cifras, deses nomes?
¿Que senten cando, tras expulsar das súas casas ás familias, sacan a poxa esas vivendas das que se erixen como propietarios, mentres seguen esixindo aos desafiuzados o pago das casas que xa nunca serán súas?
"Casos de extrema necesidade" recorda a aquela outra frase pronunciada por Dov Weisglass, asesor do exprimer ministro israelí Ariel Sharon, quen, referíndose aos palestinos vítimas do bloqueo de Gaza, dixo: "A idea é polos a dieta, non matalos de fame".
¿Creará a patronal bancaria un grupo de traballo encargado de determinar cando chega a traxedia e cando non, cando un desafiuzamento é terrible e cando non, cando é só 'dieta' e cando 'morte por fame'? ¿De que modo valorarán o carácter extremo da situación?
Agora, tras as protestas, tras un formidable movemento contra os desafiuzamentos, tras a advertencia de xuíces e fiscais, que acusaron aos bancos de especular coas execucións hipotecarias, tras varios suicidios de afectados, deteranse algúns desafiuzamentos.
É o elevado prezo que se impón á xente nunha época de impunidade como a actual, na que os ricos nunca foran tan ricos nin os pobres, tan pobres.
Ata hoxe non había excepcións para executar os desafiuzamentos. Parapetados tras a escusa da legalidade, a banca xustificaba o inxustificable, o insostible.
Facíase porque era legal, a pesar do artigo 47 da Constitución ("Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada") como legal foi que as mulleres non puidesen votar ou que en EEUU se lexitimase o racismo con espazos separados para negros e brancos; como legal é a desigualdade, a pobreza, o abuso do poder fronte á indefensión dos débiles.
Bancos e caixas deciden que o legal xa non é xustificable "en casos de extrema necesidade", e isto demostra que a protesta é útil, que a presión serve, que todo suma, que a reivindicación dos nosos dereitos é máis que nunca imprescindible e que hai que seguir loitando para que as legais violacións dos dereitos humanos sexan finalmente paralizadas.
Pero non basta cun xesto de caridade. O anuncio da paralización temporal dalgúns desafiuzamentos, dos peores, forma parte dese réxime de adelgazamento ao que están sometidos dereitos fundamentais.
Ponnos a dieta, pero con disimulo. Como diría Weisglass, cunha dieta non mortal. Non vaia ser que nos quedemos sen absolutamente nada, rebelémonos, e atopen entón algún obstáculo serio á súa impunidade.

Ningún comentario: