mércores, 28 de novembro de 2012

VESGA (TUERTA)

A Xustiza española é retorcida, cínica e depravada. Dá noxo.
A Xustiza en España xa non é cega. É vesga e ademais retorcida, cínica, depravada. Dá noxo. Mentres o Consello de Ministros nos priva, unha semana máis, dun dereito constitucional, o emperador chinés da corrupción madrileña, Gao Ping, pode quedar en liberdade nos próximos días xunto con moitos dos seus colaboradores.
Convén pasar de longo polos titulares e ler as noticias completas aínda que doian. E doen. Gallardón volve recorrer ao truco da améndoa, erixíndose en progresista incomprendido polos reaccionarios que se opoñen ás súas novas taxas xudiciais. Repítese máis que o gazpacho, porque xa o intentou ao reformar a lei do aborto. Agora, os antigos somos os que nos escandalizamos porque un desempregado teña que pagar 500 euros por recorrer un despedimento improcedente. No fondo, flota a excepcionalidade da situación, esa inexorable austeridade que xustifica calquera medida de emerxencia.
Calquera? Iso cría o xuíz Andreu, cando buscou unha fórmula para reter máis de 72 horas os mafiosos que lavaban os millóns das grandes fortunas españolas para axudarlles a defraudar a Facenda. Aos antigos, ese delito parécenos claramente excepcional. Aos modernos, polo visto, non, porque nos venderon a súa discrepancia como un erro xudicial que conculcou un dereito constitucional. Ah! Pero eses dereitos existen nos excepcionais tempos que vivimos? Para os desafiuzados, non, para os parados, non, para os usuarios dos servizos públicos, non, para as vítimas dos bancos, non, para Gallardón, tampouco porque se acaba de cargar un. Pero para Gao Ping si existen. E quen define o que é excepcional mentres cada día sofren máis, máis persoas? Logo, os voceiros da España inmortal van, e pregúntanse por que lles terá dado os mozos por queimar colectores.

Ningún comentario: