venres, 14 de decembro de 2012

COMPETITIVIDADE

O Foro Económico Mundial publicou o pasado setembro o seu informa anual sobre competitividade. España non variou de posición na lista mundial respecto ao informe anterior pero non se trata dende logo dunha posición moi lustrosa: a 36.
O máis interesante do informe é que sinala con claridade cales son as deficiencias da nosa sociedade en relación ás demais. Como se pode ver, as peores taras do noso país teñen que ver coas institucións, a dilapidación, a innovación e a burocracia. Probablemente todos estes elementos estean relacionados. Unhas institucións ineficientes xeran unha burocracia excesiva asociada a un gasto superfluo e iso dificulta que a sociedade innove porque depende en exceso da iniciativa pública e o seu labirinto regulatorio.
Estamos atrapados nunha maraña de conflitos insignificantes que serven aos políticos para fuxir do substancial. As esquerdas e os nacionalismos irredentos miran ao pasado; as dereitas, por reflexo e en parte para sacudirse a petulancia inxustificada das esquerdas, tamén. E cando alguén trata de centrar a acción política, como creo que é o caso de Rajoy, uns e outros só miran pola satisfacción que obteñen da confrontación visceral e da absurda pretensión de posuír a razón en exclusiva.
Como se pode ver na páxina 326 do informe, a nosa principal carencia nestes momentos é o acceso ao financiamento. Sen fixar este problema, non haberá forma de obter os recursos necesarios para manter a estrutura produtiva e os servizos. Por iso tanto fincapé estase a facer por parte do goberno no saneamento das contas e na credibilidade das súas cifras.
Pola súa banda, Wert está a tomar iniciativas non menos necesarias. Un sistema educativo cos evidentes fallos do español necesita non de máis diñeiro (ano tras ano, con gobernos de esquerda e de dereita, os presupostos educativos aumentaron e, non obstante, a leis educativas socialistas non deron máis froito que o estancamento) senón dun cambio conceptual. A valentía de Wert á hora de enfrontarse tanto aos retrógrados intereses nacionalistas como á ideoloxía socialista que nos trouxo ata a presente situación son dignas de encomio.

Ningún comentario: