sábado, 15 de decembro de 2012

CONTRA A CLASE POLITICA

Cando escoito a expresión clase política véñenme á memoria as afastadas clases da materia Estrutura Social, de terceiro de Socioloxía. A teoría das clases sociais por antonomasia é a teoría marxista, que relaciona a clase coa propiedade dos medios de produción. A outra gran teoría das clases é a teoría weberiana, que relaciona a clase coa posición no mercado. A idea dunha clase política non corresponde a ningunha das dúas grandes teorías sociolóxicas. A afirmación de que dous deputados, un terratenente e outro profesor de primaria nunha escola pública, son da mesma clase, non resiste un exame rigoroso. Sobre todo, pasados os catro anos dunha lexislatura e volto cada un ao seu traballo.
O concepto de clase política non é politicamente inocente. Nace entre os autores do prefascismo e protofascismo italiano, como Mosca, Pareto, ou o alemán Michels. Nun tempo no que, como agora, se cuestionaba a democracia representativa dende sectores da esquerda e a dereita. Tamén entón, como agora, unha crise económica axudaba a estender as súas ideas aos críticos do parlamentarismo.
Dicir que todos os políticos son da mesma clase, é o anverso dunha moeda en cuxo reverso se afirma que todos os cidadáns son da mesma clase; e polo tanto, que na sociedade non hai nin grupos con intereses contraditorios, nin conflitos, nin desigualdades sociais. Para os totalitarismos de dereita, afirmar que hai unha clase política é unha forma de negar que poida haber políticas de clase. É negar que poida haber políticas diferenciadas, segundo sirvan aos intereses duns ou outros. Para os totalitarios de esquerda, a clase política, e a política «burguesa» en xeral, só serven para entorpecer o avance revolucionario do pobo.
Un pobo que, nos populismos dun ou outro signo, é imaxinado sabio, puro e, sobre todo, homoxéneo, é dicir, sen contradicións. Un pobo único que non necesita representantes con voces distintas. Representantes aos que, por outra parte, a propaganda populista distancia dos seus representados coa vella técnica de afirmar que son distintos e distantes, como cando dicían que o deputado Pablo Iglesias tiña un abrigo de peles (todo leva moito tempo inventado, bo os iPads un pouco menos). E así, sen estruturas de mediación, o populismo confía en que, tarde ou cedo, se produza a desexada comuñón entre o pobo e un líder, que é ao mesmo tempo o guía do pobo e a voz do pobo. A algúns deses líderes escoitaranos polas mañás nas radios, oficiando o culto a ese novo amo con vocación de Un totalitario que é a opinión pública.
Hai uns días un compañeiro de facultade faloume da clase política; estou seguro de que non quería usar o termo nun sentido socioloxicamente rigoroso, entre outras cousas porque é un concepto que carece de rigor sociolóxico. Usouno politicamente, e iso foi o que me deixou preocupado. José A. Torres Mora

Ningún comentario: