xoves, 20 de decembro de 2012

NON É HOME DE ESTADO

Non saber, non querer, non poder. Con cal quedamos para explicarnos o desaguisado de Rajoy? Coas tres, quizais.
Non saben os do Goberno de Rajoy que polo camiño que están a tomar coas súas receitas, España se vai ao traste. Se non o saben, mal, se o saben, peor. Non saben os ministros do goberno Rajoy, sobre todo os de economía, que poñerse as orelleiras e así evitar ver outra cousa que non sexa o do déficit, é un grande erro non atender o que todos os economistas do mundo e as experiencias de Grecia e Portugal, están a referendar.
Rajoy, cando tomou o relevo a Zapatero, este pasoulle a carta enviada por Bruxelas para que seguise as directrices alí marcadas, como el había tratado de facer, saltándose algunhas prerrogativas, como a Reforma Laboral, que Rajoy acometeu de inmediato. Rajoy que se pasou todo un ano botando a culpa á herdanza recibida, sabía que non podía facer outra cousa que a que se estaba a facer, por imperativo europeo. Non obstante, niso tamén nos mente.
Sobre o rescate, Rajoy di que está a sopesar as condicións e que fará o mellor para España. É mentira. O rescate farase si ou si, pero os tempos marcaraos Alemaña, que terá que falar co resto dos países e co seu Parlamento para saber se será aceptado tal rescate. Cando Merkel teña claro que o rescate será aprobado entón enviará unha carta a Rajoy para que o pida. Rajoy non pode facer outra cousa. Como tampouco valen as súas escusas de pacotilla, xa que el non é a persoa que decide.
O Goberno de Rajoy non quere meter man aos defraudadores. Hai tempo que comentei, a noticia do empregado que estaba no cárcere, aquí en España, e que trouxera consigo a lista de defraudadores españois. Montoro non quixo tomar cartas no asunto e preferiu facer a penosa amnistía fiscal, pois os nomes que se encontran nesa lista nos poden asombrar a moitos e máis a eles que son da súa corda.
Que sabe Rajoy certamente? Pois que o contrario, ou sexa, o PSOE é como un boxeador que está grogui e está a soltar golpes a destro e sinistro sen facer dano a ninguén. Mentres iso sexa así, coa anuencia de Rubalcaba, unha persoa envellecida xa para a política, e o seu grupo, Rajoy saberá que pode esperar o que necesite, para que as cousas se arranxen co tempo ou se podrezan.
Rajoy non quere, non sabe, non pode actuar como un verdadeiro home de Estado. Non pode facelo porque non o é.

Ningún comentario: