mércores, 19 de decembro de 2012

EDUCACIÓN

O problema dos nenos españois é España, un país inxusto, un país inculto
Os resultados académicos dos nenos españois fixeron soar, unha vez máis, as alarmas. Os nosos estudantes están por debaixo da media da OCDE, pero non hai que preocuparse. O ministro Wert xa dixo que a súa reforma o vai arranxar. Pregúntome se estará a tomar algún complexo vitamínico, e se será o mesmo que permitiu a Rajoy declarar que 2012 foi un bo ano para España no ámbito da UE. Creo que moitos cidadáns, que non recordan un ano peor, pagarían con gusto un euro por esa receita.
Vitaminas á parte, eu recomendaríalle ao ministro que intentase comprender a realidade duns nenos que viven nun país que se esborralla. Que ven a diario como os seus irmáns maiores, cun doutorado, dous másteres e tres idiomas, se pegan por un traballo nun bar de copas. Como os seus pais, despois de traballar toda a súa vida, quedan na rúa con 20 días por ano e a perspectiva dun desafiuzamento inminente. Como os seus avós teñen que tirar de todos eles cunha pensión que cada vez vale menos. E como ese diñeiro que din que non había, aflora por todas as partes, en escándalos de corrupción que infiltran a toda a sociedade, dende a Casa do Rei ata a Pantoja, mentres seguen escoitando que a súa familia viviu por enriba das súas posibilidades.
O problema dos nenos españois non é o deseño dos programas, nin Educación para a Cidadanía, nin o castelán como lingua vehicular. O problema dos nenos españois é España, un país inxusto, un país inculto, onde os ricos non pagan os impostos que asfixían os traballadores e ninguén ten nunca a culpa de nada; onde as leis, como os programas electorais, están para violalas e o único horizonte dos mellores é a emigración. Esa é a verdadeira, transcendental reforma educativa que padecemos. Se os deixaron sen futuro, para que van estudar

Ningún comentario: