venres, 22 de febreiro de 2013

PREGUNTAR AO PRESIDENTE DO GOBERNO

Atreverase alguén a preguntar ao presidente do goberno polo modelo alemán de emprego, cun 60% de novos postos de traballo correspondentes ao sector público?
Preguntaráselle que, xa que o noso modelo é Alemaña, por que non se fai o mesmo aquí?
Aínda máis: Preguntaráselle ao sr. presidente do goberno pola situación dos traballadores e as traballadoras españolas en Alemaña, dada a denuncia realizada sobre o comportamento da empresa Amazon no seu territorio?
Preguntaráselle polo diñeiro que a facenda española deixa de percibir polos miles de traballadores, especialmente novos, que teñen que emigrar?
Seguimos: Preguntaráselle que por que sendo o principal problema da administración española a falta de liquidez se insiste en suprimir as cotizacións sociais nos novos contratos dirixidos a mozos, tendo en conta, ademais, que os salarios que se van ofrecer son moi inferiores aos actuais?
Preguntaráselle por que non se incrementan os impostos aos que máis teñen, na mesma proporción en que seguen incrementándose os soldos dos directivos das grandes empresas e as ganancias de moitas delas?
Preguntaráselle polo incremento patrimonial do seu partido e de moitos dos seus militantes e se foi declarado ante Facenda e canto perdeu a facenda española co seu negocio?
E por último: Preguntaráselle polo incremento do custo da presenza policial para reprimir os traballadores nos conflitos laborais incesantes e canto custa ás arcas públicas e que outros destinos serían máis interesantes para fomentar a riqueza e o emprego neste país dende as administracións públicas?

Ningún comentario: