luns, 18 de febreiro de 2013

RAJOY TENSE QUE IR

O PP ameaza con querelarse contra o aire. Quere levar ante o xuíz á lei da gravidade, responsable de que lle caian enriba agora as prácticas corruptas de máis de vinte anos.
O PP está disposto a esposar a todos aqueles que conten, expliquen ou debatan sobre o evidente: que cobraron de empresas da construción, que deron diñeiro baixo corda aos seus dirixentes, que os tesoureiros do PP son multimillonarios; que a Fabra lle toca a lotaría, mesmo nos número que non xoga.
Todo é unha conspiración, máis ou menos xudeo-masónica, máis ou menos marxista, máis ou menos internacional. Pero unha conspiración de tomo e lombo. ¿A quen se lle ocorre que alguén que fose xerente e tesoureiro do PP durante máis de vinte anos, teña algo que ver co PP? Conspiración.
Xa o dixo Franco, a cuxas cazarías poderían asistir xentes vestidas como Bárcenas e a súa esposa. Todo é unha conspiración que se a nós nos honra, a eles lles envilece, dicía o ditador naquelas concentracións da Praza de Oriente, tan ben organizadas como para que sempre houbese un millón de persoas.
Agora estamos na conspiración, en mandar ante o xuíz aos que conten que existía unha estrutura corrupta, profunda, sistemática, sostida no tempo.
Despregaron os do PP na súa defensa a fórmula das dúas negacións que afirman - "non" se poderá demostrar "que non é inocente", dixo Rajoy de Bárcenas-; as frases canto máis solemnes menos cribles -as de Rajoy, Cospedal, Floriano e Pons-; as leas verbais de Rajoy, que fala en borrador, como os que teñen culpa, e consegue que baixe a bolsa e suba a prima cando solta as súas patéticas exculpacións.
A temperatura do país é desvastadora, de bochorno. O rexeitamento ao Goberno e ao PP, aos partidos en xeral; a impugnación da monarquía, a irritación contra caixas e bancos que estafaron e abusado da confianza de miles de persoas esta instalada na poboación.
Vivimos un estado de indignación, chea de ira, que afecta a millóns de cidadáns.
A conxunción de crise brutal, corrupción sangrante, angustia de miles de familias, persoas en penuria e sen perspectivas, axita unha cocteleira á que parece faltarlle só unha faísca para que isto rebente.
Bárcenas declarará, por fin, ante a xustiza, pero este país non pode seguir en mans de alguén que demostrou tamaña dobre moral e semellante falto de estatura política. Tanto que cacarexaron coa marca España, a imaxe que dá o Goberno, dentro e fóra de España, resulta abrasiva para a nosa autoestima e para como nos ven os outros. España non ten credibilidade.
Rajoy tense que ir.

Ningún comentario: