sábado, 9 de febreiro de 2013

SI IMPORTA

A historia democrática española é pequena. Como quen di, a modernidade empezou antonte. A Felipe púidolle o desgaste e a corrupción, pero dende eses tempos de Filesas e roldanes foi fundindo a idea de que todo dá igual, que pase o que pase, gañan estes. E non. Non é certo.
Cando o Prestige bañou a nosa costa, os medios madrileños empeñáronse en vender que os galegos seguían votando ao Partido Popular. Poñían como exemplo Muxía. Non dicían, non obstante, que os votos de PSOE e BNG sumaban por primeira vez máis que os do PP, é dicir, que Galicia, ao seu xeito, tomara nota.
As últimas eleccións supuxeron o triunfo de Feijóo, pero polo camiño perdeu máis de 100.000 votos. O espectáculo desta semana si importa e si ten reflexo nas urnas. Afirmar que se houbese eleccións o PP volvería arrasar, como se escoita na rúa, é demasiado atrevido. Recorden o 11-M. A vantaxe de Rajoy, como a de Feijóo, é que o voto crítico se dispersa porque a cidadanía non encontra unha alternativa.
Os feitos piden frescura a gritos, caras novas, renovación e o PSOE debátese entre Rubalcaba e Chacón e IU ensínanos a Cayo Lara. Non entenderon nada. Nin os que se aferran ao posto esperando a súa oportunidade, nin obviamente, os que dan explicacións por televisión coma se estivesen de enviados especiais na Lúa.  Adrián Rodriguez

Ningún comentario: