martes, 5 de marzo de 2013

FEOS PROGNÓSTICOS

En 2012 perdéronse 805.000 empregos. Segundo a UE, en 2013 o paro crecerá outro medio millón
Os representantes máis prudentes do Goberno son conscientes de que o PP só poderá presentarse ás próximas eleccións a finais de 2015 (se estas non tivesen que adiantarse, o que non contemplan) cun avance esquelético no mellor dos casos: que o cidadán se diga que nese momento o futuro é mellor para el que catro anos antes. Non poderá esgrimir nin cifras de crecemento robusto na economía, nin unha cifra de parados moito menor dos seis millóns de persoas.
Para que algo tan modesto aconteza deberá mellorar a conxuntura das estacións intermedias, este ano e os dous próximos. Eses mesmos representantes do Goberno opinan, por exemplo, que non se cumprirá o consenso dos servizos de estudo nin dos prognósticos recén presentados pola Comisión Europea de que a economía decrecerá este ano un 1,4%. Tampouco o Executivo terá acertado poñendo un -0,5% no seu cadro macroeconómico. Á vista do desenvolvemento dos dous primeiros meses do exercicio, o Goberno cre que a economía terá en 2013 un crecemento negativo de "só" o 1%.
Tamén terá que cumprirse unha segunda condición: que Bruxelas non estrangule máis o crecemento potencial da economía española esixindo unhas taxas de déficit público tan imposibles de cumprir como as que están vixentes (4,5% de déficit público máximo en 2013, 3% en 2014). O Goberno cre que se non hai accidentes polo camiño (que a Comisión poña en dúbida o déficit de 2012 que presentou España, o 6,7%, sen computar as axudas perdidas á banca), Bruxelas aceptará unha moratoria de ao redor dun ano e medio para chegar ao 3% de déficit público máximo dunha economía da zona euro.
Esta versión máis modesta dos prognósticos sobre a economía española choca cos últimos datos da realidade pasada e cos datos proporcionados pola Comisión Europea. Segundo a información da Contabilidade Nacional, do Instituto Nacional de Estatística (INE), e do Boletín Económico do Banco de España, a recesión acentuouse no último trimestre de 2012. O INE indica que a economía retrocedeu nese período un -0,8% (o que significa un -1,42% no conxunto de 2012), e perdéronse ese ano 805.000 postos de traballo. Nese trimestre, a remuneración dos asalariados diminuíu un 8,5%. Máis alá, o Banco de España afirma que creceu o número de parados de longa duración, ata os 3,3 millóns de persoas. Por último, a Comisión Europea prognostica que no ano en curso o número de parados crecerá noutro medio millón de persoas máis, achegándose a unha cifra global insostible de 6,5 millóns de desempregados (por certo, en 2012 reduciuse o emprego público en 240.000 persoas, o 8% do total).
Se esa auditoría da realidade ("hoxe o futuro é mellor que ao principio da lexislatura") se tivese que facer hoxe, estaría moi afastada da realidade
.

Ningún comentario: