mércores, 6 de marzo de 2013

UN ATENTADO AO MUNICIPALISMO E AO CIDADÁN

Os concellos supoñen o 14% do financiamento da Administración pública. Moi lonxe do 25% anhelado historicamente polo municipalismo. Con este anaco de pastel, os concellos asumen competencias que non lles son propias. Un de cada 4 euros que se gastan vai destinado a servizos públicos que deberían prestar outras administracións. A débeda do Estado ascende ao 77,4% do PIB (695.519 millóns o terceiro trimestre do 2012), mentres que a dos concellos se sitúa no 4,1% (43.802 millóns). Con estes números, pódese afirmar que a reforma do Goberno supón un atentado ao mundo local. Non é xusto que quen come máis pastel faga menos dieta.
O ministro Cristóbal Montoro introduce un toque populista para xustificar o atropelo. En nome da austeridade, anuncia que o 82% dos concelleiros non cobraría e, en plena detonación controlada dos casos de corrupción, di que o edil mandará menos e que os funcionarios terán máis poder. A imaxe duns técnicos tutelados polo Estado e un salón de plenos reservado a xente que se poida dedicar á política local sen cobrar devólvenos ao franquismo.
A xente quere listas abertas, e Montoro rompe o principio democrático de igualdade de oportunidades na elección. O soldo público digno forma parte da garantía contra a corruptela, e o ministro prefire reservar tal privilexio a un 18% dos electos locais.
Municipios debilitados e deputacións fortes, como antano, non forma parte da tradición española. Pero vendo que o Concello de Madrid supera nun 25% a débeda dos 947 municipios cataláns xuntos, resulta evidente que a reforma do PP non está feita pensando na nosa realidade local. Nada novo baixo o sol.

Ningún comentario: