venres, 15 de marzo de 2013

MONTORO E O MEDO

Non sei se será por "creador de opinión", ou por panoli que paga relixiosamente os seus impostos, polo que a Axencia Tributaria me denega desgravar o teléfono que como xornalista abundantemente uso, o bolígrafo co que escribo, o ordenador ao que traslado o escrito e o servizo de Internet que o envía, sexan libros ou artigos, á editorial ou á axencia que os publica. Suponse que un autónomo pode desgravarse aqueles gastos imprescindibles para allegar os ingresos polos que tributa, pero a voraz Facenda é xuíz e parte, e dende que a dirixe Cristóbal Montoro, diríase que tamén lexisladora e policía.
Que os cidadáns defrauden a Facenda é malo, pero peor é que Facenda defraude os cidadáns. E niso anda o sorrinte Montoro, na amnistía fiscal ao gran defraudador e na persecución do humilde autónomo, sexa este perruqueiro, cómico ou "creador de opinión" segundo a súa cualificación tan hiperbólica como inmerecida. Moi preto del, na sede central do PP da madrileña cale de Xénova, tivo o señor Montoro durante décadas un defraudador fiscal, evasor de capitais e presuntamente algunhas cousas horribles máis, que podería instruílo sobre todo o tocante ao escamoteo do diñeiro, do propio e do alleo, a menos, como é natural, que o señor Montoro non necesite instrución ningunha ao respecto, en cuxo caso saberá que ao Erario, á Facenda Pública, a manteñen, mantémola, os curritos, os perseguidos e multados por calquera parvada, en tanto que os Bárcenas da vida, que son uns cantos, llelas arranxan, mesmo estando a soldo do partido do señor Montoro, para non achegar un duro.
Pero é que, enriba, ao aínda ministro de Facenda lle deu por ameazar os que ousan discutir as políticas antisociais do seu Goberno, sexa dende as columnas de opinión ou dende a gala dos Premios Goya. E faino, ou amágao, nun tris de conculcar a lei que protexe a privacidade e as que impiden o uso sectario da información confidencial que as institucións manexan, Facenda no seu caso. Xuíz e parte, lexislador e policía, a Montoro debe parecerlle pouco amedrentamento ese, e lánzase, coa súa risilla característica, a engadir pola súa conta algo máis de inseguridade xurídica á moita instaurada en España polo seu Executivo. Como dar, dá medo, moito medo.  Rafael Torres

Ningún comentario: