xoves, 4 de abril de 2013

BUSCAROS A VIDA: A SOLUCIÓN DO PP

O crecemento do desemprego está a provocar que o Goberno de Mariano Rajoy presente aos españois unha serie de medidas para a creación de emprego. Non obstante, ningunha vén con beneficios ás empresas para a contratación de persoas desempregadas, senón que priorizan ou poñen en valor o emprendimento, a creación de empresas. En resumo, que Rajoy e Báñez nos lanzan a mensaxe de buscarvos a vida, sede vós os que creedes o voso propio emprego porque o Goberno é incapaz de xerar estratexias conxuntamente con empresarios e sindicatos.
Sede emprendedores, creade vosa propia empresa para tamén crear empregos. Esta é a estratexia. Pero, ¿como unha persoa parada vai crear unha empresa se non ten recursos? Para crear unha empresa hai que investir unha cantidade inicial, tanto para gastos administrativos (capital social) e para recursos (local/oficina, materiais, servizos, etc.). Quen crease unha empresa sabe que, tras o investimento inicial, unha empresa non é rendible ata pasado, polo menos, ano e medio ou dous anos, onde hai que asumir perdas iniciais. Isto nunha situación económica normal. Para poder crear emprego un empresario ten que facturar o suficiente como para poder pagar salarios. O Partido Popular e as súas medidas de axuste, as súas subas de impostos e os seus recortes provocaron que o consumo caia a niveis dun país subdesenvolvido. Non hai consumo, polo que as novas empresas non van facturar o suficiente, non só para crear emprego, senón para a súa propia subsistencia.
Temos unha situación económica na que os bancos pecharon a billa crediticia para utilizar capital para regularizar as súas contas tras os desmanes da época da burbulla inmobiliaria. Dende o Goberno non hai medidas, subvencións, créditos brandos, mediación pública ante as entidades financeiras para que se financien os investimentos, mesmo, como aconteceu noutros países créditos a fondo perdido. Entón, ¿como se van crear empresas ou os parados van tomar o camiño do autoemprego se, precisamente, eses parados non dispoñen de recursos para facer fronte a eses investimentos? ¿Pretende o Goberno que os propios parados se autofinancien cos recursos da familia ou os da súa propia situación de angustia económica?
Hai uns días díxose que aos novos empresarios se lles daba a posibilidade de que o capital social se achegue pasados seis meses dende a creación da empresa e que durante eses meses só pagarán 50 euros de achega como autónomo. Isto non é solución porque en 6 meses non dá tempo a que se facture o suficiente para achegar ese capital. ¿É que non hai ninguén no Partido Popular que non vexa esta realidade? ¿Báñez non ten entre eses asesores nomeados a dedo e con salarios de directivo a ninguén coa suficiente preparación para encontrar solucións ou para xerar estratexias cando calquera cidadán con certa experiencia en xestionar recursos podería crear plans para xerar máis de medio millón de empregos en apenas 6 meses sen recorrer ao emprendimento? Debe ser que eses asesores non asesoran ben unha ministra que debería telos a pleno rendemento para saír da situación actual en vez de esperar a que a Virxe do Rocio veña a Madrid cun Plan de Creación de Emprego.
As estratexias de Rajoy e o seu Goberno para rematar co desemprego son un fracaso pola súa inutilidade. Que un goberno non poida resolver un tema tan delicado é causa abondo para que dimita, co seu presidente á cabeza.

Ningún comentario: