domingo, 28 de abril de 2013

EUROPA LIBERAL

Cando o mal arquitecto lle larga os planos ao albanel cheos de fallos estruturais, ou o albanel suple coa súa experiencia a inconsciencia do licenciado ou non hai construción e o albanel queda no paro, o arquitecto xa cobrou o seu proxecto. Estamos nuns tempos en que ata o repartidor do butano está versado en ciencias económicas e como os economistas non queren repartir o butano hai que permitirselo.
Resulta que cando Europa era só "liberal" sen chegar a "neo" o problema capitalista existía (que dúbida cabe) tamén había crise con diferentes apelidos pero coa mesma raíz: o diñeiro tende a acumularse nestas (poucas) mans e escasea na rúa, pero o liberalismo solucionaba este problema poñendo en marcha a máquina de facer billetes e así volvía habelos. O resultado era a inflación, os billetes valían menos de cara ao exterior, en esencia baixaban os soldos -todos- nunha porcentaxe proporcional á contía deles, pero tamén baixaban os prezos -con relación á moeda foránea- co cal se activaba a exportación e o que é peor: os que tiñan acumulación de capital tamén vían como os seus millóns baixaban nunha porcentaxe igual aos soldos. Iso había que arranxalo, así que os "neos" inventaron unha moeda de tirada limitada para coleccionista e a chamaron "Euro", a partir de aí nin baixaron prezos nin baixaron millonarios así que houbo que baixar soldos, se deixar de dar créditos ás pequenas empresas para o seu funcionamento diario e rematar con "mamandurrias" tales como sanidade, educación, servizos sociais, xubilación e todas as cousas tan inútiles como estas.
O resultado: a moeda máis estable da historia, o paraíso fiscal das moedas, a que asegura que pode matar de fame os usuarios pero nunca baixar o seu valor... bo e algúns 'problemillas' asociados que van aparecendo, pero unha vez posto en marcha o invento e o ben que lles vai aos seus inventores -ricos enmedio dun 'val de bágoas' -... pois xa a sostenella e non enmendalla'

Ningún comentario: