martes, 2 de abril de 2013

O DESEMPREGO É A 'MARCA ESPAÑA'

Está claro que o maior problema ou preocupación dos españois na actualidade é o desemprego e a imposibilidade de encontrar un novo traballo unha vez que se perdeu o que se tiña. Dende que se iniciou a crise, España converteuse no líder europeo, cando non mundial, en destrución de emprego, tanto cualificado como non cualificado, tanto estable coma non estable, tanto excelso coma lixo.
Neste país cando nos poñemos a algo facémolo a modo e por iso España é o campión en trituración de postos de traballo. Eu fágome unha pregunta: ¿cando saen os datos de paro rexistrado no INEM ou a Enquisa de Poboación Activa, que acontece no Ministerio de (Des)Empleo de Fátima Báñez? ¿Poñen por megafonía o We are the Champions de Queen e lanzan confeti e grilandas como cando un equipo de fútbol gaña a Champions League? Deixando a ironía de lado, a verdadeira cuestión que me fago é se non hai solucións ou é que non as queren encontrar. A sensación que dá o goberno de Rajoy é que non queren que este problema se resolva. A súa prioridade é outra e díxoo o Presidente, o Vicepresidente, o Ministro de Economía, o Ministro de Facenda, a Ministra de (Des)Empleo. Non perdón, Fátima Báñez non dixo nada porque non fala salvo para dicir cousas incongruentes como que lle pediu a solución á Virxe do Rocio. A prioridade do Goberno do Partido Popular é a redución do déficit público, por enriba do que sexa, que logo hai que pasar contas a Angela Merkel e se o déficit non baixa os rifará.
Revisando os datos do desemprego de países europeos, Xapón e USA, España encóntrase en segundo lugar cunha taxa de desemprego do 26,20%, só superada polo 26,40% de Grecia, un país destruído polas imposicións da Troika. Pero que os gregos se anden con coidado que nos próximos meses, grazas ás medidas tomadas polo Partido Popular, lles superaremos e seremos líderes en algo, tráxico, pero líderes. Duplicamos desemprego de países como Lituania ou Bulgaria e case o triplicamos respecto a Polonia, Estonia, Eslovenia ou Turquía. Case temos cinco veces máis desemprego de "potencias económicas" como Romanía ou a República Checa. Respecto a países que se poderían equiparar en desenvolvemento a España, superamos o dobre de taxa de desemprego respecto a Italia, triplicamos a de Francia, Suecia, Estados Unidos ou Reino Unido, cuadriplicamos a Holanda, quintuplicamos a Alemaña e sextuplicamos a Xapón. A situación é insostible, pero o peor de todo é que non hai medidas axeitadas para frear a sangría.

Ningún comentario: