luns, 1 de abril de 2013

SONOS

Picasso pintou un sono e 'O sono' acábase de subastar por 120 millóns de euros; Manuel Fraga soñou máis que cunha cidade cunha metrópole para a cultura e ¡agora que temos?, un molice sen sentido, dous grandes buratos e un presidente lanzando salvavidas ciclópeos para intentar quitarlle a este país do cuello a pedra do Gaiás; os fieis pontevedreses soñaban coas súas procesións, cos seus Cristos e mantos de veludo acariciando rúas e prazas, e encontráronse co pesadelo do único manto que ten sentido nesta terra verde, non por casualidade, senón por séculos de chuvia.
Máis sonos, os daqueles que se encerran en concellos e enchen as nosas rúas de asubíos e soflamas contra os que lles gardaron o seu diñeiro para non llelo devolver xamais. Dicían que eran preferentes e aqueles sonos de futuro agora convertéronse en indolentes para os que teñen a potestade e a obriga de devolverlles o que é seu.
Sonos dunha Semana Santa que, como cantase Borges, son «un puro repouso da mente» nestes días difusos entre o laboral e o festivo, entre o ocio e o negocio, entre a terra e o ceo. O Borges deste novo Papa que soña coa caridade da Igrexa e o Evanxeo como discurso e non como adorno. Unha luz que seguir e coa que soñar, como soñamos nós con outra luz: a do sol.

Ningún comentario: