domingo, 19 de maio de 2013

BANQUEIROS E POLITICOS

Pode que algúns crean que se fala de economía e que se esta afrontando un problema de produción e de xestión dos recursos dispoñibles, pero ao que nos enfrontamos é a outra cousa, a unha cuestión poder. O que non queren que se vexa é que o problema que temos é político: como os que posúen os recursos económicos -sobrados e reais- impoñen unhas condicións especificas de recuperación, con miseria ao resto, que nada ten que ver con dificultades de dispoñibilidade, para que as condicións de apropiación do valor siga conducindo a este na dirección dos seus almacéns.
Afeitos durante décadas a operacións especulativas e comisións coas que desprazaban o valor a paladas, é inxenuo pedillo agora á banca saneada que retorne ao traballo e preste diñeiro -a razoables beneficios- fronte a procesos de investimento financeiro que seguen sendo infinitamente mais rendibles que "traballar". Iso queda para os pobres que viven da economía real, na que o sistema financeiro non esta disposto a entrar senón con moito prezo polo seu diñeiro e sempre que as condicións futuras lles garantan que as cousas seguirán onde eles queren que estean.
Ao 0,5% por cen no BCE, dispoñen de diñeiro barato que prefiren dedicar aos seus asuntos que cumprir con iso que din que é unha función social do sistema financeiro. (Banca e social é unha contradición en se mesma. Quizais empecen agora os "traballadores por conta propia" en entender o eufemismo que representa que os metan no mesmo cesto que ás grandes corporacións). Falamos da banca recuperada, á que non lle interesa eses negocios tan precarios da economía real mentres existan outros que lles ofrecen garantías ata dende o interior das constitucións reformadas dos estados; porque da deficitaria nin a nomear mentres estea en recuperación a conta de publícoo
Que o mercado o recuperen outros, -o estado a facer desaparecer-; que eles están hai para facer negocio cando este cree as condicións axeitadas. Xusto as mesmas que non se poden introducir porque primeiro queren, mediante o "austericidio", sanear a débeda que o seu exceso de avaricia xerou e que mediante os seus fieis servidores (chamados os nosos representantes) atenden con absoluta preferencia.
O dito; que isto non é un asunto de expertos senón de política. Esa que nada ten que ver con esta camarilla de políticos-xestores-administradores que bastante teñen con defender, por riba de todo, o seu interese particular como seguidores desta ideoloxía.

Ningún comentario: