luns, 20 de maio de 2013

QUEN GOBERNA?

Manuel Rivas
Xuraría que ningunha idea distrae o presidente mentres considera as tarefas de goberno, quero dicir, de demolición.
O ministro de Xustiza declara agora que non é unha idea propia a volta de rosca retrógrada sobre os dereitos da muller. En concreto, empeorar unha lexislación, a que regula o aborto, sobre a que existe un razoable consenso social. Gallardón ten dous dedos de fronte, e mesmo máis, como se pode medir nas fotos. Sabe que esa decisión enlea á sociedade española de forma innecesaria e vai complicar aínda máis a vida de moitas mulleres. Por que, entón, se presta a xogar ese papel? Quen goberna realmente? Tamén o ministro de Educación e Cultura ten dous ou máis dedos de fronte. Non acabo de entender como unha fronte tan despexada e liberal poida propugnar levar á cacharela a Educación para a Cidadanía e reimpoñer a obrigatoriedade da Relixión para efectos contables. Supoño que tampouco é unha idea propia de Wert e que a nova lei se pousou no seu despacho por un milagre de translación. Na televisión pública recoméndase aos parados rezar para facer fronte á crise. É de esperar que a ministra de Trabajo ordene a distribución de cirios e cilicios nas oficinas de emprego. No telexornal, nunha peza mestra do periodismo de investigación, alertan os pais para que vixíen a vestimenta das fillas, evitando pezas provocadoras. Talvez é unha idea do Gran Wyoming. Outro ministro con varios dedos de fronte é o de Interior. Sería aventurado pensar que fose súa a idea de volver homenaxear á División Azul, enviada en apoio de Hitler, cando nos campos nazis morrían miles de antifascistas españois declarados apátridas. Témome que neste caso non podemos botalo a culpa a Angela Merkel. Tampouco a Rajoy. Xuraría que ningunha idea distrae o presidente mentres considera as tarefas de goberno, quero dicir, de demolición.

Ningún comentario: