martes, 14 de maio de 2013

CONTOS, RELATOS E MENTIRAS

No medio de todas as mentiras que Mariano incluíu no seu ¿relato? diante das súas señorías, encontramos unha verdade contrastada que desmonta todo o argumentario do seu conto.
"Todos os países de Europa -dixo Rajoy- tiveron que modificar á baixa as súas previsións de crecemento". Claro e esa é, presidente, a mellor proba de que a política do Fondo, do Banco Central e Merkel, coa súa submisión, nos levan á miseria.
E despois, viñeron os contos: "Hai datos que anuncian melloras; estamos no bo camiño; os sacrificios son necesarios e o ano próximo será chachi-piruli e agora estamos mellor que antes".
Deseguida o desmente o presidente do seu partido na Coruña, pois "mesmo os do PP o están a pasar moi mal". Joe, mesmo!
Nego a maior, oia, que nos últimos tempos, sobresoldos sobrecolledores á parte, o PP subiu o salario aos seus executivos nun 40% e aí inclúense os procesados polo caso Gürtel.
Rajoy, un mandado de Merkel, prométenos -a cambio de paciencia- novos recortes nos soldos, nas pensións, nos servizos sociais... Ese é o relato, o conto "mentireriro" do craso rexistrador da propiedade beneficiado durante anos con tres, catro, soldadas.
É, palabra, como o conto de Pinocho. A este crecíalle o nariz e a Mariano pónselle o pelo negro.
Mentres, o prognóstico asegura que o ano próximo catro millóns de desempregados quedarán sen axudas, sen subsidio.
 E se xa neste conto ou ¿relato? temos identificado a Pinocho recoñezamos, tachín-tachán, a Pepito Grillo, a conciencia do boneco de madeira.
Un papel que se arroga o xefe do Executivo galego cada vez que pasa o Padornelo e "misionar" por aí postulándose para metas máis altas nos faladoiros do tea-party ou nos almorzos que pagan empresas amigas. Por certo, ¿cando coño traballan se están todos os días de "sarao" e zume de laranxa?
Así pois, Núñez Feijóo vai dicindo por aí que a Mariano e os seus lles falta "relato" e que, en definitiva, os seus contos son como as contas do relato ¿ou é conto? da leiteira. E este é, o relato, a foto fixa do noso paseante mentres aquí se multiplican os problemas que, ai, cada vez parece máis difícil anotalo ao bipartito os crueis datos da realidade galega. ….
E é que o asunto non é de relatos. É de incompetencia. José M. Villot

Ningún comentario: