mércores, 15 de maio de 2013

HERDANZAS RECIBIDAS

A lei do chan do PP e a burbulla inmobiliaria especulativa posterior son a orixe dos problemas.
No debate do Congreso do mércores sobre a situación económica, o presidente do Goberno falou dun país que non existe. O seu triunfalismo tiña que ver con algo que recolleu Cayo Lara: Rajoy estanos a curar dunha tendinite cando o que padecemos é un cancro. Só así enténdense autosatisfaccións tan artificiais como a de que estamos a realizar a mellor política de emprego posible".
Poderíase obxectar que o anterior son puntos de vista. Moito menos éo a súa continua apelación á herdanza recibida para xustificar unha política económica que está a supoñer un gran salto cara a atrás deste país, en tantos aspectos. "O único que non podemos facer é volver ás políticas económicas que nos trouxeron aquí", dixo Rajoy. O líder da oposición, Alfredo Pérez Rubalcaba, revolveuse na enésima ocasión en que Rajoy regresou ao manido argumento, pero non explicou por que, quizais por falta de tempo.
A saber: da crise que estamos a sufrir dende o ano 2008 en España non é responsable nin o déficit público (superávit) nin a débeda pública existentes entón (moi baixa), senón a inmensa débeda privada motivada pola xigantesca burbulla especulativa no inmobiliario, activada polo PP coa lei do chan do ano 1998. Recordemos unha vez máis os datos que Rajoy xamais menciona como causas do desastre: entre 1997 e 2007 (período maioritariamente gobernado polo PP), a construción creceu a un ritmo dun 5% anual. Neses anos, o parque de vivendas aumentou en 5,7 millóns de casas, case o 30% do total existente, e a revalorización do prezo alcanzou un 191%.
En 1998, a construción supoñía case o 14% do emprego global en España, o dobre que en Alemaña e cinco puntos máis que en Reino Unido. Entón, ese ano, José María Aznar aproba unha lei do chan que multiplica a exuberancia irracional do sector da construción: todo o chan se declara urbanizable, salvo que estea expresamente prohibido.
Con ese bonito principio liberal favorécese un boom inmobiliario da construción. Pero non no sentido que dicía o PP (aumentará o número de pisos e, polo tanto, baixarán os prezos destes), senón no especulativo: adquiríanse vivendas endebedándose, non porque fosen baratas, senón porque eran caras e no futuro seríano máis, co que se podería especular con elas. A especulación desencadeou a continua recualificación municipal dos terreos e os Concellos engordaron as súas arcas.
A responsabilidade de José Luis Rodríguez Zapatero foi non picar esa burbulla e cabalgar a lombos da opulencia. Débese discutir se os seus plans de expansión da demanda cando empezaron as dificultades foron precisamente óptimos. Pero a transformación da débeda privada en débeda pública nunha continua socialización de perdas chega de Aznar, non de Zapatero. Esta si é unha insoportable herdanza recibida.

Ningún comentario: