domingo, 26 de maio de 2013

ENGANADOS

Enganáronnos. Vivimos enganados. Seguiremos enganados. Somos como funambulistas, cruzando un fino arame do que cada día vai caendo xente, incapaces de cruzalo.
Facendo equilibrios para non caer da vida. Moitos xa caeron, e forman parte da Vida clase B (desempregados, enfermos crónicos, pensionistas, inmigrantes sen dereitos, dependentes, traballadores a tempo parcial, minijobs... a lista é longa). Os que seguen cruzando o arame, de cando en vez móvenllelo, e a quen máis aos funcionarios, que mediante oposicións obtiveron unha praza que agora poderían perder se moven moito o arame.
Enganados en deferido ou en plasma, dá igual. Non se esforcen porque sabemos que nos enganan. Din que Gobernan para noso ben e a nosa vida cada día vai a peor.
Dicían que non había sobresoldos, nin sobres e non paran de declarar ante un xuíz que non había sobres para tantos billetes.

Engánannos cando negan a finalidade de Programas Pilotos, onde ter mais de 45 anos é como morrer socialmente. Engánannos cando din que loitan por quen leva mais de tres anos en desemprego e sen prestación. 
Engánannos cando retiran traxectos de trens, vitais para a nosa comunicación, pero dinnos "que non pechan as estacións".
Ante tanto engano é preferible pechar os ollos, pero non a nosa mente. E buscar a verdade.
Engánannos cando negan o que todos vemos e seguen negándoo. En só unha semana, podemos escoitar tres versións diferentes a un mesmo feito, todo depende do coñecemento e repercusión deste, a nivel mediático. Engánannos e por iso non queren que nos conten a verdade e cando se fai periodismo do bo, de investigación, a VERDADE sempre sae e O ENGANO CAE.
Non maten o mensaxeiro.
Temos tanta necesidade de saber a verdade, como de beber. Queremos ver fotos e videos e que nos conten que sucede, en vivo e en directo, porque a DEMOCRACIA señores, é transparencia e esiximos ser un país Europeo e transparente. Ou só somos europeos para pasar pola caixa da Troika?.
NON máis enganos. Non nos digan que cada catro anos podemos exercer un acto democrático, nós queremos que cada día sexa democrático e merecemos a verdade xa que nos puxeron un arame nas nosas tranquilas vidas.
Recordade. Seguirannos ENGANANDO.
"Cunha mentira adoita irse moi lonxe, pero sen esperanzas de volver". (Proverbio Xudeu ).

Ningún comentario: