mércores, 22 de maio de 2013

MALA HERBA

A dereita española tomou a cultura como un mester banal que está en mans de xente frívola, bohemia e subversiva.
A dereita española sempre considerou o Ministerio de Educación como un terreo da súa propiedade. A medias coa Igrexa católica loitou por defender ese bastión, dende o cal exerceu historicamente unha posición de dominio sobre a conciencia dos cidadáns. De feito, a educación laica promulgada pola II República foi unha das causas de que a dereita entrase de forma moi violenta na súa demolición e, alcanzada a vitoria, establecese unha represión salvaxe contra os profesores e mestres partidarios da escola pública. Ese ministerio constituíuse dende entón nun territorio de combate ideolóxico. Pero, ao contrario do que sucede coa educación, a dereita española nunca considerou o mundo da cultura como unha fronteira que debese conquistar; máis ben tomouna como un mester banal que está en mans de xente imprevisible, frívola, bohemia e subversiva, que tira ao monte como as cabras, actores, poetas, cineastas, músicos, cantantes, bailarins e saltimbanquis, unha reata á que no fondo despreza, posto que non a pode controlar. A dereita española, incluída a dereita dandi se a houbese, está abrazada ao casticismo; nunca foi soluble con ningunha vangarda estética; en realidade ante un cadro de Picasso ou de Miró segue pensando que iso o pinta mellor o seu neno de cinco anos. Un día os artistas saíron á rúa cunha pancarta contra a guerra de Iraq; pouco despois aproveitaron a festa dos Premios Goya para protestar e realizar algunhas chirigotas inocentes contra o Goberno de Aznar. Esta crítica case de manual foi suficiente para que o mundo do cine español fose zaherido, desprezado e ridiculizado con saña por un sector da dereita máis agre, un escarnio que dende entón aínda perdura. Non importa que se trate de actores e cineastas con prestixio internacional nin de artistas aos que o público adora e berra de pracer nos seus concertos, a única tropa libre e divertida, capaz aínda de facernos soñar no medio desta crise económica, cor de rata. Agora, a batería agresiva de impostos que a dereita descargou, entre o desprezo e a vinganza, sobre esa mala herba da cultura, non fixo senón afondar o abismo insalvable que as separa. Manuel Vicent

Ningún comentario: