xoves, 23 de maio de 2013

OLLOS CEGOS

Media España ignora o abismo de exclusión no que está a caer a outra media.
Entre as moitas limitacións que temos os humanos está a de non ver máis alá das nosas narices. Quero dicir que xulgamos o mundo dende o que somos e nos custa moito recoñecer outras realidades, sobre todo se nos incomodan. A ollos cegos, corazón que non sente. Todo isto vén a conto porque estou segura de que media España ignora o abismo de exclusión no que está a caer a outra media. Véxoo, por exemplo, nos comentarios de coñecidos xornalistas. Hai un mes, Sáenz de Buruaga ironizou sobre o plan andaluz de dar aos nenos tres comidas ao día: "E por que non unha bicicleta" (logo desculpouse). E hai uns días, Alfonso Rojo dixo que unha matrícula universitaria custaba 500 euros, "o que catro canas ao mes". Custa máis (1.000 ou 1.500), pero o peor é que crea que 500 euros son algo banal e que catro canas ao mes as toma calquera. Como ningún dos dous me parece imbécil nin intrinsecamente malvado, creo que non son conscientes de como está a vida. A min tamén me pasou ata que, fará medio ano, o azar púxome en contacto directo con familias en situación desesperada. Moitos deles obreiros da construción que levan anos no paro e esgotaron todos os subsidios. Que fai meses que non ingresan nin un céntimo; que non teñen para os 17 euros da bombona de gas e non poden nin quentarse unha sopa; que quedan sen luz porque lles arrancan o contador por falta de pagamento; que foron desafiuzados das súas casas hipotecadas e logo dos pisos alugados; que teñen nenos moi pequenos sen roupa e sen zapatos, porque os nenos crecen; sen auga quente para lavalos; sen calefacción. E literalmente sen comida. E isto hoxe, e o mes que vén, e o seguinte: carecen de futuro. Hai 630.000 familias en España con todos os membros no paro e sen ningún ingreso. "Nós eramos xente normal", díxome unha nai. Rosa Montero

Ningún comentario: