mércores, 3 de xullo de 2013

ADELGAZAR AS ADMINISTRACIÓNS?

NOVAS AUTONOMÍAS
Diga o que diga Soraya Sáenz de Santamaría, nin se vai adelgazar a nosa Administración, nin van aforrar 37.000 millóns e nin sequera as Comunidades Autónomas do PP lle van facer caso ao Goberno.
Os políticos nacionalistas xa o manifestaron alto e claro, como o catalán Andreu Mas-Colell: "A Generalitat non vai devolver xamais ningunha competencia ao Estado". Toma xa. Pero é que os non nacionalistas tampouco están polo labor. Por exemplo, José Císcar, segundo home do PP na Comunidade Valenciana e voceiro dese Goberno rexional, xa advertiu que eles non suprimirán nin o seu propio tribunal de contas, nin o seu valedor do pobo, nin moitos outros organismos autonómicos.
O seu argumento é ben simple: as competencias do Estatuto de Autonomía Valenciano non pode modificalas o Goberno, xa que para reformar o texto legal fai falta unha dobre maioría cualificada, tanto nas Cortes valencianas coma nas de Madrid.
Temos, por conseguinte, en España un Estado autonómico blindado, con atribucións rexionais a cal máis pintoresca e cunha produción lexislativa de 3.000 normas estatais ao ano -que non son moco de pavo- fronte ao aluvión de 10.000 máis das Comunidades Autónomas. Ou sexa, que diga o que diga o Estado calquera cacique rexional, aínda que sexa do mesmo partido que o do Goberno central, poda saltalo a toureira.
Así que tanto dá o que Rajoy e Pérez Rubalcaba se boten os trastes á cabeza ou cheguen a asinar acordos sobre os temas máis inimaxinables. Mentres non logren embridar os particularismos rexionais e as veleidades máis ou menos secesionistas, seguirá habendo unha proliferación abstrusa de normas, duplicidades a gogó, organismos autónomos perfectamente prescindibles e gastos crecentes a maior gloria dos respectivos caudillos autonómicos, sexan do partido que foren.
Xa ven se son inxenuos -ou hipócritas- Sáenz de Santamaría e os seus conxéneres cando fan tan melodramáticas e incumplibles profecías sobre reformas políticas. Alá eles.

Ningún comentario: