luns, 19 de xaneiro de 2009

SOLLOZOS

Dolores Villarino sollozó. As bágoas da veterana viguesa empaparon a cacharrería electoral do fin de semana e explotaron a sensación de que a política é unha actividade ingrata. En xuño do 2005, a caravana que arroupaba a Touriño na frenética competición que precedeu ás votacións galegas circulaba lixeira. No autobús socialista cheiraba a poder e a garda pretoriana do candidato andaba máis ben exultante. Villarino, entón aínda Lola, destacaba dentro daquel grupo pola súa proximidade ao líder. Catro anos despois, a muller á que Touriño outorgou o mérito histórico de converterse na primeira presidenta do Parlamento de Galicia foi sacrificada. É certo que se o bipartito volve á Xunta Villarino pode ser rescatada para un posto executivo, pero as bágoas que o sábado empañaron o comité nacional dos socialistas son un símbolo das cositas que se cocen nos pucheiros da política, onde adoita haber máis comensais escocidos que convidados satisfeitos.
Un nutrido exército dunhas cinco mil persoas dedícanse á política en Galicia. O cálculo é unha estimación, pero poderiamos afinalo se sumásemos concelleiras, deputados, senadores, europarlamentarios, conselleiros, directores xerais e unha infinidade de cargos electos ou de libre designación, moitos deles con exóticos labores e outros moitos sen máis labor que votar nos plenos co coidado suficiente para non incorrer en equivocacións fatais que beneficien ao partido equivocado. Un inxenuo crerá que esta marabunta comparte unha singularidade xenética que os empuxa a traballar polos demais e a apontoar o inusual pálpito do servizo público. Mentira. En realidade falamos de poder, dese adictivo hormigueo que percorre o corpo dos que toman decisións, e no que algúns plantan os cimentos dun futuro saneado para el e os seus descendentes. Aínda que ás veces véxanse bágoas.
Fernanda Tabarés

Ningún comentario: