martes, 20 de xaneiro de 2009

VÁZQUEZ NEGA QUE HAXA IRREGULARIDADES NA AREOSA (CERCEDA)

"Non investigamos a Danigal", aclara o conselleiro de Medio Ambiente.
.
A consellería investiga, pero o conselleiro di que non; Medio Ambiente recoñece irregularidades no vertedoiro da Areosa, pero o seu titular asegura “non ter constancia” de tal cousa; a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Medioambiental asume nun informe que Danigal acolle residuos non autorizados, aínda que Manuel Vázquez aclara que se hai documentos que o demostran, “habería que sacalos”.
O conselleiro de Medio Ambiente desdixo onte a súa propia consellería, logo de asegurar que non ten “constancia ningunha” de que o vertedoiro da Areosa en Cerceda cometa irregularidades.
O vertedoiro de Cerceda acolle residuos orgánicos da Coruña e da súa área metropolitana malia carecer de autorización para facelo e pese a non ter impermeabilización axeitada nin chemineas para extraer os gases. Os terreos de Danigal, que reciben 5.000 toneladas diarias de lixo non permitido, acollen unha montaña de desperdicios con grave risco de derrubamento, segundo as fontes achegadas de varias empresas .
Ademais, un informe da propia consellería , recoñecía xa hai dez meses que o vertedoiro da Areosa recibira 27.196 toneladas de residuos sólidos urbanos da Coruña no último semestre de 2007 e sen autorización. A pesar de todo, Manuel Vazquez negou isto e moitas cousas máis recoñecidas polo seu departamento:
“Non hai irregularidades”.
O conselleiro, que acudía onte á inauguración das obras dunha nova depuradora en Ares, asegurou non ter “ningunha constancia dunha situación irregular”. “Iso terá que explicalo quen o publicou”, dixo. No entanto, desde o seu departamento aseguran que A Areosa carece da Autorización Ambiental Integrada (AAI) á espera de que “subsane unhas deficiencias”.
Non toman medidas.
“Se tiveramos constancia dalgunha irregularidade, xa teriamos actuado, seriamos os primeiros en intervir”, dixo Vázquez. A consellería, pola súa banda, asegura que está “moi enriba” da empresa para que cumpra no seu novo informe cos requirimentos da AAI respecto ao vertedoiro. “Nas condicións actuais, non lla dariamos”, din os voceiros, que incluso advertiron de “peche ou sancións” se continúa a verter orgánicos sen permiso, e incluso “unha denuncia á Fiscalía”.
Sen investigación.
“A Consellería non está facendo investigacións sobre Danigal, unha empresa á que o PP lle concedeu o vertedoiro hai moitos anos; con esta compañía, estamos aplicando a lexislación”, manifestou Vázquez. O seu departamento, pola contra, asegurou a este diario que “xa investiga” as irregularidades.

Ningún comentario: