martes, 10 de agosto de 2010

O DESASTRE DAS AUTONOMÍAS

Xa en 1978 sabíase perfectamente o gravísimo risco que se estaba correndo; pero a irresponsabilidade duns, o pasteleo de moitos e o sumo interese do partido de turno, seguiron animando e nutrindo as ansias de malgasto dos dezasete virreinatos descontrolados, ata que hoxe, trinta e dous anos máis tarde, pódese constatar a calamidade en que se converteu o permanente aberto asunto autonómico.
Dezasete taifas, dezasete lexislacións diferentes en materias fundamentais, dezasete parlamentos, dezasete sistemas de saúde, dezasete políticas comerciais con horarios, requisitos de etiquetaxe... Todo multiplicado por dezasete. Bo, todo non, porque os nosos políticos, nun arranque de austeridade, tiveron un pequeno detallito cos contribuíntes limitando o número de televisións autonómicas a trece; trece corporacións que nos custan máis de cinco millóns de euros, 847 millóns de pesetas, diarios, si, si, estouno escribindo ben, 847 millóns de pesetas, cada día, ao servizo exclusivo do goberno correspondente.
E aínda mais, estas dezasete autonomías xeraron unha tupida rede de empresas, fundacións, institutos, observatorios e demais entelequias, inventos, ficcións, irrealidades de carácter sempre público, é dicir, para entendernos, chiringuitos financeiros onde se colocan os correlixionarios, clientes políticos, familiares, relacións sentimentais. Algo así como unhas ONG ao servizo, sempre, do partido; e á marxe, por suposto, do Dereito público.
Así as cousas, e sen entrar a valorar os gastos innecesarios, talles como a Cidade da Cultura, que leva engulidos máis de 330 millóns de euros, ou residencias presidenciais como a de Montepío, 5.000 millóns de pesetas, atopámonos con que o noso actual sistema autonómico xerou máis corrupción, máis clientelismo, máis gasto, máis malgasto e máis ineficacia. A ruína.
Unha España desbaratada, infestada de asimetrías, duplicidades, ineficiencias e malgastes, na que cada vez se impón un maior número de barreiras lingüísticas, educativas, lexislativas e emocionais. Ante este panorama, soamente vexo dous posibles camiños: un gran pacto entre o PP e o PSOE, tras as próximas eleccións xerais, para fortalecer ao Estado e devolverlle á Nación a cohesión que perdeu; ou a libre competencia entre as dezasete Comunidades dentro dun estado federal no que a administración central, co permiso das dezasete autonomías, exercese de mero árbitro entre elas. O camiño emprendido por Zapatero xa quedou ben claro pero... ¿Cal é o camiño de Rajoy? Eu creo que España está esperando a súa resposta.

Ningún comentario: