martes, 22 de febreiro de 2011

DECENCIA POLÍTICA

Na orde de preocupacións dos españois, a chamada clase política ocupa o terceiro lugar. Precede con moito ao terrorismo que era ata hai pouco obsesión das beirarrúas. Antes de absorbernos os efectos devastadores dunha banda empeñada en matar, os políticos gañáronse un lugar preferente na problemática dos cidadáns. A economía toca chan. O paro explótalle a moitas familias entre as mans. E cando a cidadanía espera que sexan os políticos quen se esforcen en achegar solucións, resulta que son eles quen se converten no problema que sacode as rúas e as prazas.
Resulta moi preocupante que ningún dos dous líderes do panorama político alcance un nivel satisfactorio de confianza. O aire fresco que significou Zapatero en 2.004 converteuse en disnea asfixiante en 2.011. "Non vos fallarei" dicía aquela noite. Hoxe despeñado na aquela ilusión e ata se intúe un fracaso electoral o ano próximo.
Rajoy é bastante peor. Constitúe un fracaso continuado. Perdeu dúas eleccións xerais, e aínda que se promete unha futura presidencia do goberno, non supera uns mínimos de confianza como para esperalo como solución de nada. Permanece sentado, vendo pasar o tempo como un prexubilado que non leva futuro dentro.
Os políticos viven afastados do pobo, da realidade, dos problemas que nos oprimen cada día. Os deputados e senadores non dialogan cos electores dos seus distritos. Só cada catro anos regresarán en campaña prometendo que o ensino, que as comunicacións, que a sanidade, que os parados, que os dependentes. España arránxase en tempo electoral e anquilósase en tempos de goberno.
A cidadanía palpa esta distancia e transfórmaa en desafección. A síndrome da Moncloa, do escano, do coche oficial, distancia da estada, da oficina, do quefacer doméstico.
O problema de España, é dicir, dos españois, é que o Estado Autonomista fai posible que sexan moitos os que se dedican á política; José María Aznar sostén a mesma teoría catastrofista. A verdade é que o expresidente só paladea amarguras cando de España se trata e cando expón a súa visión de estadista a soldo de universidades estranxeiras e de medios de comunicación pagados en moeda de fracaso. Pero é verdade que corresponde a moitos cidadáns unha visión absolutamente pesimista da política e dos homes dedicados a ela. E contribúe de xeito definitivo a corrupción non atallada desde a súa raíz, a contemporización con desmáns soportados cando non defendidos desde as cúspides, a covardía que supón antepor nomes enfangados a intereses comúns.
Mentres non se recupere a integridade, o compromiso, a pedagoxía, o recoñecemento dos propios erros, a conxunción política-cidadanía non poderemos esixir unha implicación definitiva de cada cidadán. A democracia é unha responsabilidade gozosa de cada un. Pola contra non debemos estrañarnos de añoranzas destrutivas dun pasado que nunca está definitivamente enterrado.

Ningún comentario: