mércores, 30 de marzo de 2011

A INNECESARIA RULETA NUCLEAR

Non fan falta tremendas catástrofes naturais para desencadear un desastre nuclear como o de Fukushima. Así, en 2006 un incendio case fixo perder o control dun reactor en Ringhals (Suecia). Tamén uns incendios pecharon a central nuclear de Vandellòs I (Tarragona) en 1989 e outro en 2008 parou durante tres meses Vandellòs II.
Un erro humano ou un atentado serían tamén suficientes. Esta ruleta nuclear que se multiplica polo número de reactores e almacéns de residuos é innecesaria porque existen alternativas, ademais menos custosas. Ante todo, un plan de aforro enerxético contundente podería, sen afectar ao confort, evitar antes de 2016 máis da metade da produción nuclear actual.
O outro pilar serán as renovables, que xeran xa o 35% da electricidade e crean ata sete veces máis emprego que outras enerxías. Ademais, a capacidade eléctrica é suficiente para exportar a Francia e permitiría pechar xa a central nuclear de Garoña. Fronte ao beneficio a curto prazo do lobby nuclear, o interese xeral e das xeracións futuras debe apostar por un modelo eléctrico seguro e sostible.
E.B.

Ningún comentario: