xoves, 17 de marzo de 2011

MÁSCARAS E CORRUPTOS

O desaparecido Carandell faríao merecedor dun lugar de excepción no seu recordado lapidario xornalístico que chamaba Celtiberia show. Dolores de Cospedal, a política mellor pagada de España, vendendo en Mallorca e a escasos metros do imputado Francisco Camps a identificación do PP coa rexeneración política. Vaites, vaites. No mesmo escenario onde outro dos seus, un tal Jaume Matas, chouriceou millonadas de diñeiro público cando presidía o goberno balear, sentando por iso na bancada dos acusados. A escasos metros, por certo, de Mariano Rajoy, que ignora con sorprendente cinismo o que todos sabemos: que o partido que preside perde aceite democrático alí onde a trama Gürtel extendeu, de Madrid a Valencia e de Galicia a León, os tentáculos da corrupción.
Con todo, hai que sacarlle o sombreiro. Á secretaria xeral e candidata por Castilla-La Mancha e ao seu xefe inmediato. Non é nada fácil, aínda que paou o tempo de antroido, aparentar o que non se é, comprometéndose a actuar de inmediato ante “calquera suposto de denuncia ou procedimento xudicial”, tendo na primeira fila do auditorio a quen, pese a cumprir eses e outros requisitos, campa ás súas anchas e á marxe de calquera norma ética proclamándose “imbatible” (sic). Peor aínda. Facendo bo o refrán popular, o de que pensa o ladrón que todos son da súa condición, o líder do PP e o seu sanedrín en pleno terían que acabar aplaudíndoo cando, sen abandonar a surrisa frailuna, acusou ao goberno socialista de quitarlles todo menos a dignidade aos que como el, forman a familia dos populares.
Farandulear de maneira tan indigna como provocadora, estando como está imputado polo viscoso asunto dos traxes, e a punto de verse envolto nun presunto caso de financiamento ilegal do PP valenciá, merecería de facto que Romay Becaría, o encargado de facer que se aplique o código ético co que Rajoy tentou atallar as augas fedorentas que arrastraba no seu inicio a riada do Gürtel, lle abrira un expediente sancionador. Pero vendo a Rajoy e a Cospedal aplaudindo o discurso bravucón do dignísimo presunto delincuente, e sabendo que o poder da Moncloa pasa necesariamente por aceptar a súa indecente chantaxe, ata o opusdeista e karlspoperiano betanceiro claudica dándolle bula. En realidade, vén concedéndolla desde que Camps e tódolos demais tocados pola trama Gürtel se encargaron de pasar a papel mollado as “Bases para el pacto por la transparencia y contra la corrupción” que aprobaran en Sevilla a finais do 2009. A secuencia celtibérica de Mallorca tivera uns días antes o seu sucedáneo, menos espectacular pero igualmente grotesco e cínico, en Ourense. Tendo á súa carón a José Luís Baltar, o presidente Feijóo gabouse de liderar o partido da austeridade e da rexeneración política. O que contrasta co feito, constatado, de que o seu principal baluarte electoral nesa provincia do sur presida unha institución, a Deputación, que encabeza o ránking español do nepotismo e do despilfarro partidario. E a poucos días de aceptar tránsfugas nas candidaturas municipais. Nin disfrazándose de peregrino pode ocultar, como lle pasa a Rajoy con Camps, o tufo.

1 comentario:

DEMOCRACIA dixo...

La puesta en escena en Palma de Camps, y sus palmeros, supone un paso mas en el ridiculo mas espantaso en que está metido Camps. Tras su discurso muchos correligionarios no se levantaron ni le aplaudieron, intentaban no coincidir con el para no saludarle. Se ha convertido en la peste del PP, todos le quieren lejos, aunque nadie lo pregone. Supongo que lo de la lucha contra las practicas corruptas a Camps le entraria por un oido y le saldria por el otro. La gran pregunta es ¿que esconde Camps para que Rajoy lo mantenga?.
Despues de tanta suciedad, como se atreven a decir que va haber claridad, uno puede ser el mas ladrón hasta que le apetece pero despues va y se arrepiente y ya no ha pasado nada, a partir de ahora voy a ser un buen chico. que cinismo