martes, 31 de maio de 2011

IGAPE

A presunción de inocencia hase entender en defensa da honorabilidade de persoas contra as que pesan serios indicios de teren cometido algún delito. Teñan ou non os interesados relevancia pública. Instrumentalizar ese dereito individual para branquear zonas de sombra na administración, ou para blindar responsabilidades políticas nun Goberno, non deixa de ser en cambio un procedemento que pervirte esa norma garantista. Vén de suceder, unha vez máis, tras a detención dos dous máximos dirixentes do Igape por un presunto delito de fraude na concesión de axudas públicas. Neste caso, facéndose valedora dos detidos a Xunta, desde a que o conselleiro Alfonso Rueda volveu levantar onte un artificioso muro de silenzo a prol dos alcaldes conservadores da Costa da Morte que protagonizan o sumario da operación Orquesta.
A noticia da detención correu como a pólvora. Non é para menos. Aparte de ter unha significación política, por se tratar dun cargo de alta dirección dependente directamente da consellaría de Industria, enlista ao Igape entre as institucións marcadas pola sombra do fraude e da corrupción. Aínda máis. Provoca que lles deamos audiencia a cantos viñan sospeitando do que se podería esconder na operación de redireccionar os xa de por si escasos recursos para I+D+i cara as arcas desa institución. Das verdadeiras razóns que motivaron a supresión de iniciativas do bipartito como a do plan Incite, deseñado para apoiar a investigación das universidades, o fomento da creación e potenciación dos centros tecnolóxicos, as axudas sectoriais e as axudas á innovación empresarial. O esperanzador proxecto dunha Axencia Galega de Innovación, que se tería que deseñar a partir dunha nova definición e reorganización do Igape, pasou a mellor vida.
Falaban os populares dos chiringuitos do bipartito. Pero no paquete nunca se atreveran a ubicar a institución que, segundo o que se vai sabendo, repartía os diñeiros públicos digamos que de forma non precisamente santa. Vamos, que non todo o que lle viñeron transferindo os orzamentos de Galicia nos dous últimos anos tiña como principal obxetivo a tan necesaria rexeneración do tecido industrial galego. Nin moito menos na creación efectiva dunha rede de “business angels” galega. As urxencias tiñan nome a apelidos de empresarios amigos. Algúns deles, ao parecer, aficionados a especular e presuntamente a branquear negocios oscuros a costa das numerosas subvencións públicas que tan facilmente recibiron.
Temos dereito a saber. E en función diso, a esixir responsabilidades. Posto que está todo en proceso, é preciso que se lles garanta aos detidos a presunción de inocencia. Porén, a institución do Igape non pode quedar a expensas do que penalmente dea de sí. O conselleiro Guerra, talvez o máis incompetente de cantos integran o goberno de Feijóo –o fiasco das eólicas fará historia–, ten a obriga de asumir politicamente o que a operación Campeón acabe probando. Se as conclusións confirmaran o que a día de hoxe son indicios que presupoñen a comisión dun delito, a súa responsabilidade tería que saldarse co cese ou coa dimisión. Mentres, ten tamén a obriga de abrir unha investigación interna e imparcial. Contando coa complicidade institucional dunha nova dirección. Meterse no burladeiro da presunción de inocencia –un dereito individual e non político que só lles corresponde aos detidos- sería puro escapismo
.

Ningún comentario: