En Galicia apenas quedan redutos do que un día foron grandes extensións de bosques autóctonos. En concreto, as carballeiras galegas atópanse moi preto de desaparecer, xa que só queda entre o 5 e o 15% da súa superficie. Por iso, é urxente impulsar unha estratexia de restauración que contribúa a ampliar estes ecosistemas.
A escala nacional, tal e como recolle WWF no seu informe "Os Bosques que nos quedan",bosques españois representan na actualidade o 29 por cento do territorio que potencialmente poderían ocupar. A organización sostén que, para reverter a situación e que todas as unidades ambientais conserven polo menos un 30% de bosque, habería que restaurar para 2030 unhas 2.6 millóns de hectáreas, plantando 2.000 millóns de árbores e arbustos.
Ante esta problemática, WWF e Correos, en colaboración coa Mancomunidade de Montes de Val Miñor e a Deputación de Lugo, están desenvolvendo desde xullo de 2010 un proxecto para recuperar bosques galegos. Ata a data, restauráronse 12 hectáreas en Pontevedra, nos municipios de Santa Cristina de Ramallosa (Baiona), Borreiros (Gondomar) e Chandebrito (Nigrán), e 4 na provincia de Lugo.
Tras a presentación do proxecto, realizouse cos medios de comunicación un percorrido pola zona restaurada en Pontevedra, xunto a técnicos de WWF e da Mancomunidade de Montes de Val Miñor. En concreto, visitáronse as actuacións levadas a cabo nos montes de Santa Cristina de Ramallosa (Baiona) e Chandebrito (Nigrán).
Lourdes Hernández, Responsable do Proxecto de Restauración de WWF España, manifestou: "Con motivo do Día Internacional contra a Desertificación e ás portas da temida época de incendios, WWF quere subliñar que a restauración forestal é unha fantástica ferramenta para promover unha xestión forestal responsable e loitar así contra a desertificación, os incendios e o arrequecemento global".
Pola súa banda, o presidente de Correos, Alberto Lafuente, recordou que "este bosque, o sétimo plantado con financiamento de Correos en toda España, é a mellor proba de que o noso compromiso co medioambiente non obedece a unha moda pasaxeira, senón á convicción de que a sustentabilidade é un dos nosos valores corporativos e, como tal, debe impregnar toda a nosa actividade. Por iso, fai xa máis de 10 anos que comercializamos a "Liña Verde" de embalaxes ecolóxicas que brinda aos nosos clientes a oportunidade de colaborar, con pequenos xestos, á conservación do medio natural, xa que nós encargámonos de dedicar parte dos fondos obtidos coa súa venda a realizar accións de reforestación. Por iso, para Correos, días como hoxe e bosques como este representan a mellor "colleita" do labor de concienciación que fomos sementando ao longo da última década."
No marco do proxecto, tamén se celebrou un taller sobre xestión forestal sostible para o que se contou coa organización FSC (Consello de Administración Forestal, polas súas siglas en inglés). O seu obxectivo principal foi promover boas prácticas de xestión forestal en Galicia para lograr que o aproveitamento do monte non comprometa a conservación dos bosques autóctonos. E é que esta Comunidade Autónoma sofre máis da metade dos incendios forestais que se producen ao ano en toda España e é a rexión onde máis do 98% do monte é privado, sendo o 80% das parcelas menores de 0,5 hectáreas.
WWF conclúe recordando a importancia que teñen as empresas na conservación da natureza a través das súas políticas de Responsabilidade Social Corporativa (RSC) e anima a outras entidades a emprender actividades como a de Correos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario