mércores, 3 de agosto de 2011

AUSTERIDADE OU MALGASTO

Unha vella teima que se repite unha vez cada cinco anos é o modelo de Estado que hai no Reino e que vén sendo se os dezasete califatos constituídos no espazo xeográfico son realmente necesarios para o mellor funcionamento da cousa pública (reducir o número, ver foto). Sobre isto, existen dúas posturas: os que pensan que si, vascos e cataláns, e o resto dos súbditos que creen que non, entre os que se encontran os galaicos, que teñen moi asentado o espírito de tribu e de clan, por iso gústalles servir e iso da autonomía como que non o teñen moi dentro. Como agora está de moda austeridade, comezan a saír voces en contra de tanto parlamento autonómico, pero non sobre os 8.116 municipios nin os máis de 65.000 concelleiros.
Os gregos da Grecia reduciron por imperativo legal europeo o número de autarquías sen que se soubese nada de protestas, manifestacións, asaltos a edificios ou a tradicional queima de colectores que adornan calquera desconformidade que se prece de ser efectiva. Estes nativos que claman contra autonomía galaica son os primeiros en defender a existencia fiscal, legal e social do concello no cal pagan as taxas do lixo e algúns alcaldes son máis califas, vicerreis ou co-rexedores que verdadeiros veladores dos intereses veciñais. A ver quén é o presidente do Goberno ou de partido ou de club de fútbol que lles di que se acabou, que hai que fusionar concellos. Ninguén se atrevería, aínda que ao final o número de edís fose a suma total das autarquías fusionadas, pero, alcalde só habería un.
Hai autonomías de sobra no Reino, incluso até a galega está de máis, para o emprego que se fai dela, porque é que nin a usamos nin lle damos utilidade, salvo para pedir fondos europeos que despois se distribúen a discreción e segundo os intereses dos alcaldes e do partido que goberne sen que ninguén levante a voz. ¿Cantos marcos alemáns destinados á cohesión foron parar a portos exteriores e portos secos ou a polígonos ou parques industriais convertidos en matogueiras? Unha pregunta que terían que responder os que miraron para outro lado cando viron pasar os millóns de euros transportados en camións de pedra de cantería.
Os do PP, que xa se ven vencedores das próximas eleccións xerais, están encontrando na palabra austeridade o substituto do termo crise. Pero non definen o novo concepto e fano sinónimo de recorte e teito de gasto e redución de partidas, de tal modo que non se sabe se falan de malgastar ou de aforrar. Nesta parte do Reino hai exemplos de sobra da confusión destes termos e da súa aplicación e como se engana aos simples votantes, aínda que non é patrimonio dos populares, senón de nacionalistas e socialistas. Un alcalde vencedor dicía do seu anterior no cargo, doutro partido, que se apuntou á austeridade no último momento e ensinaba a mesa de contrachapado do seu despacho feita un desastre e rota e que non a cambiaba para aforrar. Parece ser que o escritorio tiña xa máis de vinte anos. A confusión entre aforro e abandono era notable, mentres algunhas moblerías do concello cerraron por falta de vendas
. F.X.C.

Ningún comentario: