martes, 2 de agosto de 2011

EMBARRADOS NA CORRUPCIÓN

¿Chove ou "mexan por nos"? Contamos nove imputados na Xunta e dous cargos xa condenados. ¿E isto escampa ou continuamos embarrados?
Vas a Internet para buscar o tempo que fará mañá, ou en agosto cando o alcalde de Compostela encha de tenis a Cidade da Cultura, e atópasche cun verdadeiro tsunami na túa propia casa: nove imputados na Xunta de Feijóo, que mantén a dous cargos xa procesados, saúda desde as súas páxinas a prensa madrileña.
Deixas ao carón os nuboeiros para seguir buscando a "choiva fina" que converte isto nunha lameira: "operación Campión", con cinco presuntos; "caso Unións Agrarias", con dous directores xerais na pasarela dos imputados; "Sogama", suposto delito de tráfico de influencias; "caso Rinlo", co fiscal estudando se houbo prevaricación ambiental. Engadan á lista, sumen, dous condenados: a directora de Formación e o superdelegado da Xunta en Ourense. A estes dous pódenos ver nos xornais ou nos seus postos de traballo, pois seguen, di o xornal madrileño, nas súas funcións como altos cargos da Xunta.
Abatido, e esperando que escampe, pasas de páxina e atópasche con que a Unión Europea, que seguirá soltando o seu diñeiro a esta terra enlodada, ten datos de que as súas subvencións veñen gastando en bares, casas rurais, campos de fútbol e outras fruslerías que, piadosamente, chaman "a picaresca que se beneficiou dos amplos obxectivos marcados pola UE".
Hai historias enternecedoras: nun pobo levantouse un auditorio para trescentos habitantes... cando os veciños non chegan a ese número ou o barrio compostelán onde se está construíndo un campo de fútbol.
Coa que está caendo aí teñen aos nosos queridos gobernantes sacando peito, buscando como meter o puño no ollo do rival e asubiando alegremente mentres buscan acomodo para o Palacio de Xustiza, unha vez atopado o necesario para encher a que aínda chaman a Cidade da Cultura.
E así, mentres nos están calando coa súa famosa choiva fina, -que empapa, cabrea- podemos seguir distraídos ante o peche de camas e "a rebaixa conxuntural de operacións" ou esperar sentados ao comezo do próximo curso, onde se recorta o número de docentes  -aínda que aumente o de alumnos- e aos que queden engadiránselles outras tarefas.
Xa o dixo aquel : mexan por nos e din que chove.

Ningún comentario: