venres, 16 de setembro de 2011

MENTIRAS INTERESADAS

A "desmesurada" e "inquietante" débeda pública española é bastante inferior á alemana, á francesa, á italiana, en fin, á media da débeda europea. Actualmente é do 63% con respecto ao PIB, tanto con Gobernos de Aznar como de González houbo momentos con máis débeda, é dicir, non se trata dunha situación excepcional.
Pero se nos di que a débeda pública española é brutal, e utilízanse argumentos como que cada español debe tantos miles de euros polo que debe o Estado, cando o verdadeiramente brutal é a débeda privada española, o que debemos cada un, individualmente (incluídas as empresas) ás diversas entidades financeiras, máis de tres veces máis que a pública. Pero o que hai que reducir é a pública e para iso hai que gastar menos, cando o Estado español, segundo datos da UE, é o país da Europa dos Quince cun gasto público social por habitante máis baixo.
A outra solución para reducir a débeda e tamén o déficit é subir os impostos, pero claro, dinnos que en España estamos xa fritidos de pagar impostos, que temos unha carga fiscal que nos afoga. Pois a carga fiscal española é tamén a máis baixa da UE-15 cun 36% do PIB (a media da UE-15 é o 46%), pero é que, ademais, en España o 20% da poboación con máis rendas contribúe ao fisco moito menos que o mesmo sector da poboación na UE-15), mentres que o que paga en impostos un obreiro en España porcentualmente é case o mesmo que o que paga un obreiro de media na UE-15. Tamén é importante recordar que a gran empresa paga moito menos, proporcionalmente, que a mediana e a pequena empresa.
Isto é o que hai, polo menos que non nos conten historias os do pacto-pinza-tenaza ou como se queira chamar do PP-PSOE.

Ningún comentario: