martes, 4 de outubro de 2011

IGUAIS PERO DISTINTOS

Co "e o teu máis?, os partidos tíranse os trastes á cabeza para xustificar as súas políticas económicas e criticar as do adversario, pero hai diferenzas estimables...
Non se trata do que se gasta, senón en que e como... Vostede, querido amigo, ten plena xustificación se se endebeda para poder pagar a operación dun familiar , pero non conte coa miña solidariedade se o que fai é "empufarse" por non poder pagar os prazos do veleiro...
¿Outro exemplo...?
Non ten graza que eleven a débeda dun país -poñamos que falo de Galicia- por culpa do soño dun iluminado que agora se chama (o soño, non o interfecto) cidade da cultura e que pesa nos orzamentos como unha laxa. Ninguén discute, en cambio, que o concello (poña vostede o nome que queira) teña unha débeda, pague a prazos, polideportivos, centros cívicos, escolas municipais, etc.
Non é o mesmo levar á ruína a unha corporación por culpa do soldo dos seus representantes, familiares, asesores que ter problemas á hora de pagar os soldos de quen -gardas e funcionarios- facilitan a vida do cidadán...
Cando lle falen de "buraco autonómico" descuberto non a través de movementos sísmicos senón a consecuencia dos cambios políticos, bote unha mirada a Valencia, Madrid, Murcia onde repite o partido e... a súa débeda. O mesmo vale para aquí, o far-west do Estado, onde xa leva un tempo o xefe Feijóo sorprendéndonos, un día se e outro tamén, coas súas confesións . Primeiro díxonos que votou (1982) ao PSOE, e agora, que é socialdemócrata, á vez que ?para pagar as nóminas (¿as súas?)- recorta en educación e sanidade...
Por certo: cando se fala diso, de nóminas -alleas- conviría preguntar se o recorte nas pagas afecta tamén aos consejeros, conselleiros, etc., ou só aos médicos ...
E xa postos ¿pagou as súas débedas co concello compostelán o belicoso alcalde señor Roa...?
¿Coñécese o seu soldo, marcado por obxectivos mercantís, ou cobra o que merece...?
¿A señora Cospedal tamén cobrará dentro de dous meses o seu soldo, do mesmo xeito que lle pide aos farmacéuticos castelán-manchegos...?
¿A Rita Barberá, que pide tempo para pagar a luz e a auga, páganlle a tempo todos os meses?
Son distintos pero "cuspidiños". O que nos espera...

Ningún comentario: