domingo, 29 de xaneiro de 2012

A AUSTERIDADE

Dun tempo para acó non se fala doutra cousa. A austeridade está en boca de ricos e do poder; deses que viviron entre os deleites e os vicios, a podremia e o malgasto. Claro, dun xeito diferente a como a sofren os excluídos dun sistema de vida deshumanizador. O escándalo da pobreza e o desemprego en España alcanza cotas insostibles. Os desempregados, máis aló dos números e estatísticas, son persoas ás que se lles impediu vivir con dignidade. Tamén a Asemblea Xeral da ONU fala de diminucións.
Pódese facer máis con menos? Decididamente si. Fan falta bos administradores capaces de aproveitar ao máximo os recursos que se teñan. Non podemos confundir a austeridade, cos meros recortes sociais, e máis nas sociedades cada días máis desiguais. ¿Como lle podemos pedir austeridade persoal a quen non ten traballo ou non recibe un salario digno? ¿Como lle podemos pedir sacrificios aos pobres, se a nosa caridade co próximo é nula?; o respecto á transparencia e á palabra dada, para que en verdade sexamos persoas humanas nas que se poida confiar.
Neste momento requírense certamente oportunas medidas políticas que levanten a economía, sen obviar que en cada país ten as súas particularidades a crise, pero aínda moito máis que sexamos capaces de pensar naqueles aos que lles falta os bens necesarios para desenvolverse como persoa e como cidadán do mundo. Esperan a man tendida. Non nos serve, neste caso, a man que recorta.

Ningún comentario: