sábado, 28 de xaneiro de 2012

REFORMA DO SENADO

 "Manter unha administración tan hipertrofiada como a que temos é un malgasto de recursos de todos que leva ao país á quebra e irrita aos cidadáns"
Alguén se acorda das eleccións de novembro? Van alá máis de dous meses, pasaron as festas de Nadal, constituíronse as Cortes, o novo Goberno tomou posesión e as primeiras medidas, Galicia perdeu a dous grandes personaxes, Díaz Pardo e Fraga, estamos a piques de culminar a costa de xaneiro e xa se divisa no horizonte o entroido...
Ao día seguinte e ata hoxe todos os cidadáns volvemos facer vida normal, metidos de cheo na actividade que a cada un depara a realidade prosaica. Todos, menos os senadores que, 64 días despois, celebraron o primeiro pleno cunha orde do día cuxo punto máis importante era a reforma do Regulamento para aprobar a constitución de 22 comisións.
As súas señorías tomáronllo con calma -¡así de dura é a vida do político!- aínda que, en honra á verdade, tamén hai que dicir que ninguén se queixou da inactividade do Senado ou de que os senadores non se reunisen nun pleno. Por iso é pertinente preguntar ¿para que serve o Senado?
Circulan pola rede documentos nada compracentes con esta cámara de representación territorial á que cualifican de moi custosa, perfectamente prescindible e ata inútil. Dicíao fai uns meses o entón senador do BNG, José Manuel Pérez Bouza: "Tal como está concibido, o Senado non serve para nada". Nun arrebato de sinceridade engadía: "Eu quero rendibilizar o meu soldo (ao redor de 5.000 euros mes), o que pasa é que a institución, tal como está configurada, non mo permite". Nesta liña manifestouse tamén un exsenador do PNV: "Se os cidadáns soubesen como se sestea e pérdese o tempo nesa institución, montarían en cólera".
Hai moita indignación na rúa e nas redes sociais, porque os cidadáns perciben que mentres a eles pídenlles sacrificios -subida de impostos, rebaixa de salarios, redución dos servizos básicos- mantéñense o Senado e centos de estruturas administrativas que só serven para que os partidos coloquen a políticos "amortizados", en moitos casos outorgándolles esas prebenda como premio á súa nefasta xestión.
Manter institucións inútiles é outra forma de malgasto de recursos do que son responsables quen non teñen vontade política de eliminalas. A ver se se decatan que unha administración tan hipertrofiada como a que temos é inviable, leva ao país á quebra e indigna aos cidadáns. Con toda a razón.  J.C.L.

Ningún comentario: