mércores, 11 de xaneiro de 2012

ESTA É UNHA CRISE TAMÉN POLÍTICA

A economía, en realidade a crise económica, está centrando por razóns obvias o interese cidadán. Difúndese desde a maioría dos medios a idea de que á nosa situación económica correspóndenlle as solucións que, desde o poder nacional e europeo, estanse propondo e que non hai alternativa. Parece que a economía fose unha ciencia exacta na que 2-2 sempre dá 0; esquécese con moita facilidade que a economía é unha ciencia social e, xa que logo, política.
Así pois, a crise non soamente é económica, ten tamén unha orixe claramente política. Porque está motivada por unha serie de decisións tanto do capital financeiro como das autoridades políticas europeas, que optaron por unha solución centrada exclusivamente no control do déficit. Esta opción favorece claramente aos mesmos capitais financeiros que a provocaron e prexudica á maioría da poboación, incluídos moitos empresarios.
Un dos problemas do PSOE é que non soubo vertebrar unha política alternativa á que lle obrigaba a UE, nin tampouco explicou por que adoptou aquelas medidas e non considerou outras. O PP centra a súa actuación no mesmo, pero máis. Esperemos que se Sarkozy e Merkel perden as súas próximas eleccións e os partidos socialistas soben ao poder en Francia e Alemaña rompan con esta política económica e apliquen outras medidas para saír da crise: é a última esperanza. Se non é así veremos unha crecente desafección tanto cara ao mesmo sistema democrático como cara a unha UE que será vista como a culpable última da crecente deterioración social e económico.

Ningún comentario: