martes, 20 de marzo de 2012

OS PINOCHOS DO PP

Algúns emprendedores, ata, publican folletos que aseguran: "Agora o despedido é máis barato que nunca. Aproveite a oportunidade"
 E é que hai testemuños sonoros -cintas de vídeo que repiten as declaracións de Cospedal, Rajoy, Montoro, Feijóo, etc.- de que, máis veces que San Pedro negou ao Señor, eles negaron a subida de impostos e a barra libre na contratación laboral. Ademais abonaron as excelencias das súas reformas con frases como -crearemos tres millóns de empregos" (Esteban Pons) ou "xamais abarataremos o despedimento, pois iso non facilita o emprego" (Rajoy e Montoro), como para que agora veñan con mentiras.
Aí están, señores "pinochos", as cintas de vídeo.
E cada día a prensa tráenos as probas que corroboran a indignación cidadá contra as decisións do Goberno: "A reforma empeza a aplicarse con rebaixas salariais, expedientes de regulación de emprego (despedimentos, nunha palabra) e traslados". E hai datos: un concesionario de automóbiles en Ourense despediu a cinco traballadores por descenso nas vendas. As indemnizacións, agora coas normas do PP, mandan á rúa a estes traballadores con 18.000 euros cando antes lle custarían ao empresario 50.000.
Unha multinacional, que traballa para Citroen presentou un ERE -a pesar de que non baixaron as vendas e fanse horas extras- pois o futuro preséntase incerto.
Ao rebufo das reformas, as empresas, escudándose en que non saben, ou non prevén, manter as vendas considéranse con barra libre para despedir aos seus traballadores. Agora o emprego crece entre "os emprendedores" que montan chiringuitos para explicarlles aos empresarios como aproveitar as novas normas. Algúns, ata, publican folletos que aseguran: "Agora o despedido é máis barato que nunca. Aproveite a oportunidade".
E aprovéitana: contan que os hostaleiros de Compostela van aumentar os horarios e reducir os salarios, por se son menos os peregrinos que se acheguen á porta da catedral.
Descubríronse trampas (péchase o círculo: trampas, mentiras e cintas de vídeo) de empresas que readmiten a traballadores que despediron antes da publicación do decreto, e que volveron a despedir para evitarse pagar o salario de tramitación que un traballador percibe desde a data do despedimento ata a notificación da sentenza.
Este é a paisaxe que ofrece a reforma laboral: cintas de vídeos confirmando que as súas promesas eran mentiras e a realidade unha P.M.

Ningún comentario: