martes, 15 de maio de 2012

MILLONARIOS

Segundo o Instituto Nacional de Estatística, España é o noveno país do mundo con máis millonarios entendendo como tales aos fogares cuxo patrimonio total supera o millón de dólares, incluíndo accións, bonos, diñeiro en efectivo e propiedades inmobiliarias. Dentro deste colectivo, inferior ao 5% da poboación española, hai quince familias que suman unha fortuna de 63.000 millóns de euros e utilizan as denominadas SICAV (sociedade de investimento de capital variable) como instrumento financeiro para tributar escasamente o 1% do imposto de sociedades mentres que os asalariados que superamos os 18.000 euros tributan o 21%.
A Axencia Tributaria non pode investigar ás SICAV e os grandes grupos parlamentarios non queren modificar esta norma. Para maior cabreo dos que cumprimos con Facenda, os defraudadores españois terán ata o 30 de novembro para blanquear o seu diñeiro negro sen castigo penal, a cambio de abonar unha taxa do 10%, moito menos dos impostos que terían que pagar.
É evidente que se houbese xustiza fiscal en España e as grandes fortunas tributasen razoablemente, poderiamos cadrar o balance orzamentario do Estado sen facer estes recortes que nos abocan á recesión. Advírtennos as autoridades de que as grandes fortunas españolas non se deixan cobrar e que se lles obrigamos ameazan con marcharse de España. Merece a pena que vivan no noso país? Realmente marcharíanse?, e se isto ocorre, sería tan grave?

Ningún comentario: