domingo, 1 de xullo de 2012

A CULPA DOS POLÍTICOS

O que nos trouxo ata aquí non foi a tecnocracia senón a política, a mala política, populista e clientelar. Iso é o que impediu facer, a tempo, as reformas que facían falta e que outros, por exemplo Alemaña, fixeron fai anos mentres aquí algúns se esforzaban por gañarlle a guerra a Franco e presumían de darlle leccións de progresismo aos suecos, mentres os outros "soñaban" que eles tiñan a receita máxica para resolver a crise repetindo o que fixeron en 1996.
Pois ben, nin sabían ao que se enfrontaba España nin se preocuparon por sabelo. A realidade é que perdemos unha parte importante do sistema produtivo, centenares de miles de empresas e máis de 3 millóns de empregos... e non foi por casualidade.
A realidade é que a parte produtiva do país, a que paga salarios, impostos, contribúe á Seguridade Social (é dicir traballadores e empresarios) é cada vez menor e en cambio a parte que vive desas contribucións (parados, pensionistas e empregados públicos) é cada vez maior. Esa é a realidade e, ou conseguimos alterar a ecuación ou imos ao desastre. Necesítanse máis empresas e máis empresarios e iso non só se soluciona con que Alemaña aumente un pouquiño os seus salarios e os alemáns consuman un pouquiño máis ou con que haxa un plan europeo de infraestruturas...etc, non é suficiente. Aos do sur tócanos facer reformas enormes dentro de casa para gastar con maior efectividade e ingresar tamén con máis efectividade.
A saída que se espera deste cume, é mais europa, un avance importante nunha dirección que estivo parada desde o tratado de Maastrich, mais integración política (co que iso significa, que parece que algún non sabe o que iso significa) e mais europa. Esa é a condición necesaria para que España poida empezar a arrincar pero non é suficiente. Toca facer cambios radicais aquí. Toca máis España, máis estado (na mesma lóxica), acabar coa lóxica de partido, coa apropiación das institucións e organismo do estado por parte dos partidos que o único que garante é o ascenso dos mediocres, dos trepas, dos caraduras e en última instancia dos corruptos. Hai que facer unha reforma profunda que devolva a competitividade á economía española e que propugne que a xente volva investir, a crear empresas e postos de traballo, a pagar salarios, impostos e contribúa á Segurida Social, a política populista (de dereitas e de esquerdas) morreu en 2007 coa crise financeira internacional e os países que non son conscientes e toman as medidas oportunas acaban mal.
Toca máis España, iso non significa nada patriotero senón que toca facer reformas. E hai que reformalo todo buscando eficacia e xustiza. Non é de recibo que haxa xente cobrando pensións millonarias mentres ao xubilado con pensións mínimas se conxélan. Haberá que meter man aí dalgún xeito porque senón a Seguridade Social non poderá cumprir a súa función.
En definitiva, máis europa, máis España, menos badanas e aparatchiks políticos, sindicais e empresariais meténdose e levándose de todas partes.
Confío máis nos tecnócratas que nos políticos que son os que nos trouxeron ata aquí e que se negan a facer autocrítica, a recoñecer erros e a dicir a verdade.

Ningún comentario: