sábado, 15 de setembro de 2012

CLARO QUE HAI MÁIS FESTAS

Ten razón don Juan, que asina unha das miñas lecturas favoritas entre o telexornal e a sesta. E é que, efectivamente, hai en outubro moitas máis santas, virxes, mártires e demais posuidores dun sitio no santoral que a casa marcada o 21-0 por Santa Úrsula e hai numerosas festas ao longo e ancho do outono, outubro sobre todo, que percorren a xeografía galaica a golpe de gaiteiro e a ritmo de muñeira no medio dunha festa onde empanada, polbo, cachelos e outras viandas merecerán unha dixestión con licor café ou de herbas...
E é que podía ser peor... por exemplo o 21-0 coincidise con San Martiño, data que todo o mundo asimila co final do gocho. ¿Quen non oíu iso de que a cada porco chégalle o seu San Martín...?
Así que, no medio de todo o "rebumbio" elixir o vinte e un non foi de todo malo... quédannos aínda días de sol para que o complexo hospitalario santiagués aforre máis enerxía que os vinte e dous millóns previstos pola conselleira do ramo que pide axuda para loitar por "as persoas vinculadas ás mafias rusas que chegan a urxencias en jet para facer turismo sanitario...".
Pois xa ten axuda: os seus "compas" de partido conseguiron que cada vez vingan menos avións aos nosos aeroportos en busca dos nosos hospitais...
Mire dona Rocio non me xogue coa saúde que é cousa mala e pon enfermo de cólera a moito concidadán que está farto de que lle digan que non se pode vivir con cinco mil euros ou que se vai malviviendo con jet (ruso ou de Avión) e oito mil euros de renda familiar cada mes ata outubro e novembro... que por aí cae san Martiño.
A un servidor, señora miña, cando lle falan de enerxía, de electricidade, acéndenlle as luces e recordo que foi un xefe da Xunta o que repartiu millóns de millóns ás "eléctricas" nunha cousa que se chamaba o "Plan Mega" e que non serviu para que en varias partes do noso país vivisen ás escuras as festas do Nadal...
Non recorda...?
Pregúntelle a Feijóo que estaba nese goberno. Pregunte por Lugo, Ponteareas ou Vigo onde atopase moitas vítimas daquelas noites...
Así que tonterias, as xustas...
Aínda que esteamos en período pre-electoral...
E se vexo un ruso, con jet, facendo cola na Casa do Mar... avísolle.

Ningún comentario: