venres, 5 de outubro de 2012

A POLÍTICA DOS TRES SOLDOS DEIXA SEN SALARIO Á OPOSICIÓN

É un cumio do populismo difícil de superar: María Dolores de Cospedal decidiu que o mellor xeito de saír da crise é a austeridade: a dos demais, empezando pola oposición. Nunha medida sen precedentes en democracia decidiu deixar sen soldo os deputados das Cortes de Castela-A Mancha. Recortará así algo máis dun millón de euros. Antes de xulgar o dato, hai algunhas cifras que convén repasar.

1. Este arrebato polo aforro alleo é obra e graza desa mesma política que durante anos compaxinou varios soldos públicos sen pestanexar. En 2009, De Cospedal cobrou 240.737 euros do diñeiro dos contribuíntes: case tres veces máis que Zapatero. En 2010 foron outros 223.595 euros máis. Traducido a deputados: ela soíña recibiu en dous anos case a metade do que agora quere economizar deixando sen salario aos demais.
2. O millón que aforrará De Cospedal é asimétrico: sae principalmente da bancada da oposición. A maioría dos deputados do PP non terán maior problema. Dos 25 parlamentarios cos que conta o PP, 15 cobran xa outro soldo público: como alcaldes, concelleiros ou conselleiros. Son principalmente os 24 deputados socialistas -só seis son concelleiros e un é alcalde dun pobo de 1.700 habitantes- os que o van a ter que buscarse outro traballo para chegar a fin de mes.
3. De Cospedal aforra pouco máis dun millón de euros en deputados mentres gasta millonadas en altos cargos. Só na Consellaría de Presidencia, De Cospedal ten contratados a dedo a 41 asesores de libre designación por 1.644.140 euros. En todo o Goberno hai 82 e cobran ao ano 3,26 millóns de euros. Ademais, hai outro fondo con 67 millóns de euros presupostados para "alta dirección". Non se sabe cantos directivos son.
4. O presuposto de Castela-A Mancha é de 7.440 millóns de euros. O aforro con esta populista medida equivale ao 0,01% das contas públicas. O recorte pode saír moi caro porque o traballo da oposición consiste precisamente en controlar o Goberno e evitar que ese enorme presuposto gaste mal.
5. Pero a principal trampa non está aquí. Seguindo o mesmo discurso da austeridade, De Cospedal pretende reducir o parlamento de Castela-A Mancha á metade. O cambio esconde outra trampa: igual que intentou Núñez Feijóo en Galicia, a nova repartición favorecería aquelas provincias onde o PP recibe máis votos. É un xeito de blindarse na cadeira de brazos recortando en democracia e usando o populismo antipolítico contra a oposición. ESCOLAR.NET

Ningún comentario: