luns, 26 de novembro de 2012

FALEMOS DE RAJOY II

Mariano Rajoy é un home mediocre, moito máis proclive a obedecer e a seguir unhas pautas xa previamente marcadas que a deseñar unha política propia novidosa e ilusionante. É un gris administrador que se limita a seguir un camiño que outros xa trazaron, dende o núcleo duro de Europa. Isto, que xa se intuía mentres exercía aquela labor de oposición testana e cega (e moi fácil) durante os mandatos de Zapatero, púxose de manifesto con total claridade dende que asumiu o poder tras o 20-N do ano pasado.
O malo é que, xunto a esta política económica que nos afunde cada vez máis e que non parece levarnos a ningunha meta que pague a pena, o seu Goberno aproveitou para lanzar un ataque feroz contra moitos servizos públicos que funcionaban bastante ben e que procuraban unha mínima cohesión social a este país.
Hai unha obsesión por desacreditar o público e enxalzar as "virtudes" da xestión privada, aquela cuxo único obxectivo é maximizar os beneficios a curto prazo para uns poucos a custa de sacrificar todo o demais, como a calidade do servizo, a seguridade, e a estabilidade dos postos de traballo.
E, para acabar de empeorar as cousas, estase a producir paralelamente un menoscabo dos dereitos e liberdades democráticas. A toma de control de RTVE é un exemplo paradigmático do que estou a dicir, entre outras moitas medidas: a brutal suba das taxas xudiciais, o aumento das matrículas universitarias, os plans para modificar e limitar o dereito de aborto, o copago-repago etc. etc. etc.
Podemos concluír que Rajoy, ademais de ser un mediocre gobernante no plano económico, é un mal político que non disimula o seu desexo de retrotraernos en moitos aspectos a unha época pretérita, á que el parece botar de menos e que criamos xa superada.

Ningún comentario: