martes, 20 de novembro de 2012

OPINIÓN

A calquera goberno lle conviría buscar o apoio dos sindicatos para saír da crise pero, para este, son o inimigo.
Eu tiven un profesor ao que lle gustaba dicir que as matemáticas non son unha opinión. Facíao sempre que nos pedía a solución dun problema e empezabamos respondendo pois eu creo que... Non me interesa o que vostede crea,  só pretendo que resolva a operación. Era un bo profesor, moito mellor do que eu chegaría a ser como alumna, e quizais por iso non esquecín aquela advertencia.
Volvo recordala agora, cando a aritmética creativa parece ter alcanzado o seu cénit. O meu profesor teríase morto de vergoña ao asistir ao bochornoso baile de cifras que xerou a folga xeral -custo, porcentaxes, número de manifestantes- e á inconcibible serenidade coa que algúns opinantes profesionais sostiveron números non xa falsos, senón mesmo imposibles. Pero a min, quizais porque son de letras, asómbranme máis outras opinións.
Por exemplo, que nun país onde a política está absolutamente desprestixiada, a corrupción absolutamente instalada, e a desconfianza da cidadanía nas institucións crecendo a ritmos absolutamente vertixinosos, tanta xente pretenda que as centrais sindicais son os malos desta película. Trasnoitadas, inútiles, impopulares, incentivadoras do odio social... Dá igual que poidan convocar dúas folgas xerais en sete meses, que teñan millóns de afiliados, que enchan as rúas de manifestantes, que funden o Cumio Social con centenares de asociacións de toda España. Para calquera persoa sensata é evidente que a calquera goberno lle conviría buscar o seu apoio para saír da crise pero, para este Goberno, os sindicatos son o inimigo. E nese punto, a máxima do meu profesor volve demostrar a súa admirable utilidade. Señores, a ver se deixan de opinar e resolven o problema dunha vez, porque levan xa demasiado tempo esborranchando a pizarra para nada. A.M.

Ningún comentario: