venres, 15 de febreiro de 2013

SI, PODEMOS

Non deixa de ter a súa broma que as dúas opcións enfrontadas o martes no Parlamento, no que se refire aos desafiuzamentos, a Iniciativa Lexislativa e o Partido gobernante, usen o mesmo apelido: Popular. Serviu o debate para evidenciar a diferenza existente entre o que é realmente popular, porque procede de abaixo, da rúa e da vida, e o que resulta palabra fuera, froito da apropiación indebida, dende a cúspide, dunha pretendida calidade comunitaria.
Quen mellor expresou a distancia entre ambas as dúas forzas foi o presidente do Congreso, o ppopular señor Posada, ao mandar desaloxar, con aire patricio, os membros da PAH que, benditos sexan, botaron un pulso ás súas señorías, e venceron.
Non me cabe dúbida de que, cando toque votar esta ILP, os falsos populares do Partido Hermético -que non tiveron o martes máis remedio que asomar a patita, entreabrindo o seu cuarto do pánico- formarán disciplinadamente a favor dos seus queridos bancos. Entre tanto, a inxección de ánimo que a xente recibiu non ten prezo. Nin hai gratitude bastante para mostrarse en débeda coa PAH, salvo acudindo en masa ás manifestacións do próximo día 16, berrando tan alto como nos dea a garganta: "Si, podemos".
Podemos unirnos para demostrar que estamos fartos, podemos empurrarlles ata o canto do espello que reflicte a súa soidade, podemos avanzar ata que o noso descontento se asome ás súas costas.
Corre estes días pola rede o recordatorio dunha frase de Rosa Luxemburgo: "O que non se move non escoita o ruído das súas cadeas". Ben esgrimidas, as cadeas son unha arma cargada de futuro. Créanme, sono, por moito que o señor Posada desaloxe  
aos rebeldes ou poña inhibidores para que non cheguen ao exterior as desalmadas instrucións do Banco Central Europeo

Ningún comentario: