sábado, 16 de febreiro de 2013

UN AMOR CASE IMPOSIBLE

Aproveitando San Valentín, poderiamos contar unha historia de amor. Con dous protagonistas, o político e o cidadán. O frechazo prodúcese cando chega a campaña electoral. O político vístese das súas mellores galas, arrola as súas mellores palabras, perfila as súas máis suxestivas promesas. O cidadán séntese asediado por diversos pretendentes, e ha de decidir. Ao final casa cun.
Pero rematada a campaña electoral, péchanse as urnas, e esváense os afectos no complexo universo dos intereses creados. Unha vez coa prezada presa, que é o voto, o político apaga a súa paixón e o que parecía amor, transfórmase en indiferenza.
Esta historia de amor é a historia dunha infidelidade, porque rematada a lúa de mel electoral, o político pon o seu corazón noutros asuntos de mais calado. Entón o cidadán comproba que é moi difícil namorarse de alguén que non cumpre as súas promesas, aínda que logo se desculpe afirmando que cumpriu co seu deber. É difícil namorarse de alguén que se desdí, que rectifica, que sempre culpa a outro dos seus erros.
Porque para o político encumbrado, iso de preocuparse polo máis desfavorecido, o máis necesitado, e o que menos pode dar a cambio, é sentimentalismo barato. Unha vez empolicado ás alturas, o político dedica os seus amores aos importantes, os influentes e aos poderosos.
San Valentín deunos oportunidade de contar un amor case imposible entre o político e o cidadán. A culpa non é do cidadán, que sempre acaba seducido e abandonado. A responsabilidade é do político. Depende del que esta historia de amor culmine cun final feliz.

Ningún comentario: